21-D

Pablo Iglesias acusa o independentismo de “contribuír a espertar a pantasma do fascismo”

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, afirmou o domingo, 3 de decembro, que o independentismo “contribuíu a espertar a pantasma do fascismo” no Estado español, aínda que non pretendesen facelo.

[Imaxe: Elisenda Alamany‏] Pablo Iglesias, á dereita, ao rematar o acto político
photo_camera [Imaxe: Elisenda Alamany‏] Pablo Iglesias, á dereita, ao rematar o acto político

Nun acto político enmarcado nas eleccións catalás do 21 de decembro que tivo lugar en Sant Adrià de Besòs, Barcelona, o líder de Podemos acusou o independentismo de contribuír, “talvez sen querer, ou quizais buscándoo”, a espertar “a pantasma do fascismo”.

Aliás, Pablo Iglesias asegurou que as forzas independentistas fracasaron ao “prometer un proxecto político que sabían que era mentira”. Tamén cargou contra a dereita española, á que acusou de “renunciar a Catalunya” e contra o PSOE, por “ir da man do PP e de Ciudadanos”.

O secretario xeral de Podemos, que dixo que algunhas formacións “están encantadas de tiraren vinagre nas feridas”, apelou ao “voto da reconciliación” que representa En Común-Podem fronte ao “voto da vinganza” entre os bloques independentista e unionista.

Comentarios