Pablo Casado, sobre Vox: "Compartimos moitos principios e outros, non"

Se hai alguén na política estatal que se ten caracterizado por ser un eficaz propagandista de Vox, a marca da ultra-dereita española, ese é Pablo Casado. Xustificou a súa candidatura á presidencia do PP co argumento de que o seu partido debía reagrupar todo o voto da dereita, tamén o fugado á formación filo-fascista. E agora, após o multitudinario mitin de Vox desta fin de semana, pinta como "excelente" a súa relación co líder ultra, Santiago Abascal.

Pablo Casado vota nas primarias do PP
photo_camera Pablo Casado vota nas primarias do PP

Un dos mantras de Casado é a reunificación da dereita. Que pode vir pola vía —improbábel— da fusión nunha única organización ou pola máis verosímil dunha coligazón. Hipótese esta que o líder do PP manexou nunha entrevista esta fin de semana pasada con El Mundo.

O certo é que a concentración ultradereitista de Vistalegre —por volta de 10 mil persoas— recebeu unha enorme atención mediática en Madrid —albo de análise de toda as tertulias— e contribuíu para instalar no ambiente a sensación de que o fraccionamento na dereita española ía ir a máis, cun novo convidado, no polo máis extremo do taboleiro. O impacto foi tal que os líderes das formacións xa consagradas —a clásica PP e a moderna Cs— se viron impelidos a facer de comentaristas do evento.

"Todos os seus militantes teñen o meu respeito. Compartimos moitos principios e outros non", dixo Pablo Casado, quen deliberadamente evitou colgar de Vox a etiqueta de extrema dereita. Ao seu xuízo, no campo do xogo cabe distinguir entre "o centro esquerda, o centro, a dereita e a dereita máis... digamos novas".

Que principios non compartirían PP e Vox? Ben, a formación liderada por Casado non avala a proposta ultradereitista de supresión das comunidades autónomas, mais con todo o secretario xeral dos populares, Teodoro García Egea, dixo esta segunda feira que partillaba cos ultras a idea de que a educación —competencia transferida aos territorios— debería ser igual en todo o Estado.

A insistencia de Casado en colocar Vox na axenda responde a unha estratexia clara: mediante a asunción dos seus postulados menos extremos, tornar desnecesario o apoio, o voto, a ese partido. Formulouno con especial clareza Javier Maroto, vicesecretario do partdo: "Calquera voto a Vox significa ter Pedro Sánchez catro anos máis como presidente do Goberno".

Canto a Cs a palabra de orde é non dar excesiva cancha dialéctica aos ultras, mais tamén sen os atacar. De feito, o secretario xeral da formación laranxa, José Manuel Villegas, até abriu a billa para chegar a acordos cun partido neste momento extraparlamentar.

Comentarios