Os outros galegos na revolución cubana

Fidel e Raúl Castro non foron os únicos 'galegos' que protagonizaron a rebelión contra a ditadura de Batista nin que tomaron parte na loita guerrilleira de Sierra Maestra. Houbo máis, e con responsabilidades de calado. 

Manuel Díaz González galego revolución cubana chofer cuba
photo_camera Conducindo o vehículo, Manuel Díaz González, guerrilleiro galego que exerceu de chófer na entrada dos 'Barbudos' na Habana.

Emigrantes ou fillos de emigrantes, a pegada dos galegos na revolución cubana non acaba en Fidel e Raúl Castro, os fillos de Ángel Castro, o labrego que deixou Láncara para probar fortuna en Cuba. Houbo galegos no crucial asalto ao Cuartel de Moncada, o 26 de xullo de 1953, así como houbo galegos na guerrilla en Sierra Maestra ou implicados en tarefas de apoio loxístico aos revolucionarios. Após o 1 de xaneiro de 1959, houbo galegos en postos chave e con responsabilidades fulcrais. Dous exemplos: un galego foi quen elaborou e desenvolveu a Reforma Agraria, unha lei que marcou un antes e un despois na historia de Cuba. E tamén galego foi quen tivo a responsabilidade, nada pequena nunha illa no albo daquel contexto dos anos 60 de Guerra Fría, de construír os servizos secretos cubanos.

Cuba institucionalizou o 'Día dos mártires da revolución' en recoñecemento a Frank Pais, fillo de emigrantes de Marín e dirixente do M-26J asasinado pola policía bastistiana en 1957

A presenza de galegos na revolución cubana non é descoñecida. Hai libros, por exemplo “Cuba, os galegos e o Che” de Pérez Leira, e estudos tanto en Galiza como en Cuba que abordan esta participación. O pasamento de Fidel Castro fixo que os medios puxesen o foco nas raíces galegas do líder revolucionario. Unhas raíces galegas que ocupan un lugar preminente na revolución de 1959 nesta pequena illa do Caribe. Nomes como o de Frank Pais ou Abel Santamaría, entre outros, encabezan o 'martiroloxio' oficial da revolución cubana.

Desde o comezo

Frank Pais era fillo de emigrantes de Marín, Francisco Pais Pesqueira, pastor protestante, e Rosarío García Calviño. Ten o recoñecemento de 'Mártir da Revolución' e é unha figura que como poucas gozou durante estas décadas da unanimidade do pobo cubano. Brillante dirixente estudiantil, mestre concienciado, integrouse no 'Movemento 26 de Julio', onde foi máximo dirixente da rama centrada nas sabotaxes en toda a illa. Foi asasinado, con 22 anos, o 30 de xullo de 1957 pola policía de Batista, apenas un mes despois de os axentes asasinaren seu irmán Josué. A morte de Frank xerou unha vaga de protestos, con declaración de greve xeral incluída. O 30 de xullo celébrase na illa o Día dos mártires da revolución.  

Os catro irmáns Ameijeiras, fillos dun emigrante de Campo Lameiro, implicáronse na revolución desde o primeiro momento

Os Ameijeiras eran catro irmáns, fillos dun emigrante de Campo Lameiro, que se implicaron na loita contra a Batista. Un deles, 'Mel', morreu no asalto ao Moncada. Outro, Gustavo, foi detido, torturado e asasinado en 1958. Ángel Ameijeiras, xefe de Acción e Sabotaxe do Movemento 26 de xullo na Habana, foi morto a tiros pola policía en 1958. Os seus méritos levaron a que postumamente fose ascendido a Comandante do exército rebelde. O cuarto irmán, Efigenio, alias 'Ulises', era un dos expedicionarios que partiron no 'Granma' de México a Cuba para derrocar Batista,. Foi segundo xefe da Fronte 'Frank País' e comandante da revolución. O seu papel foi determinante para frear a invasión de 'Bahía de Cochinos', en abril de 1961. Ascendeu a xeneral de división e recibiu o título de 'Héroe da República de Cuba'. Licenciado en Historia, é autor da triloxía 'Más allá de nosotros' ('Alén de nós').

Combater a 'contra-revolución'

Manuel Piñeiro Losada era coñecido como 'El gallego barbarroja' e foi outro dos galegos chave na historia de Cuba na segunda metade do século XX. Naceu en Matanzas, onde os seus pais, emigrantes galegos, rexentaban unha taberna. Foi un dos fundadores do Movemento 26 de Julio e combateu en Sierra Maestra, onde logrou o ascenso a comandante. Fidel tíñalle un grande aprezo e chamábao 'El gallego'. Piñeiro foi quen, unha vez consumado o triunfo da revolución, tivo que poñer en pé os servizos secretos revolucionarios, tarefa que realizou nun contexto, principios dos anos 60, no que a Guerra fría tiña nesta illa un dos seus puntos quentes. Foi máximo responsábel de operacións cubanas desenvolvidas en Nicaragua ou El Salvador en apoio aos movementos populares. Casou coa escritora chilena Marta Harnecker.

Manuel Piñeiro, 'El gallego barbarroja', tivo a responsabilidade de combater a espionaxe de Estados Unidos contra a nacente revolución 

Os Trigo López, de Ourol, foron outro dos exemplos de irmáns galegos que se incorporaron ao combate contra a ditadura. Julio foi torturado e asasinado após ser detido no asalto ao Moncada. Pedro integrouse no Movemento 26 de Julio e combateu en Sierra Maestra. Foi director do Instituto aeronáutico de Cuba e tivo postos de representación diplomática en países da 'Europa do Leste'. Xa maior, retirouse a Catalunya. Fixo parte da candidatura municipal do BNG en Ourol nas convocatorias de 2007 e 2011.

Entre os nomes máis importantes para a revolución cubana figura o de Abel Santamaría, fillo dun emigrante ourensá, e que foi asasinado após o asalto ao Moncada, acción da que foi un dos principais organizadores. Editou xornais clandestinos e traballou incansabelmente por tecer redes para a revolución. Fidel Castro nunca ocultou o seu enorme aprecio por el. Sufriu bestiais torturas (os torturadores chegaron a lle queimar os brazos e baleirar un ollo). 'Canción del elegido', de Silvio Rodríguez, que moitos consideran que está adicada a Fidel ou o Ché, está adicada realmente a este fillo de emigrantes galegos.

A súa irmá, Haydee Santamaría, tamén tomou parte no asalto ao Moncada. Fixo parte da dirección do Movimento 26 de julio. Tivo a responsabilidade de lograr armas e fondos para os guerrilleiros de Sierra Maestra. Co triunfo da revolución, fundou a Casa das Américas, o epicentro da renovación cultural cubana, que dirixiu até a súa morte, en 1980.

A casa de Josefa Yáñez, de Mondoñedo, foi acobillo de Fidel na clandestinidade e acolleu xuntanzas do movemento revolucionario

Outra muller galega importante foi Josefa Yáñez, de Mondoñedo, en cuxa casa na Habana se ocultou o clandestino Fidel Castro en máis dunha ocasión. Nesa morada realizáronse reunións dos revolucionarios, que obtiñan de Yáñez apoio loxístico. Castro, xa líder da Cuba revolucionaria, continuou visitando regularmente esta galega da Mariña, que rexeitou títulos e recoñecementos 'revolucionarios'.

O comunista de primeira hora

Carlos Rafael Rodríguez, fillo dun emigrante de Couxela (Ribadeo), foi o principal responsábel da ambiciosa reforma agraria que o goberno revolucionario impulsou após a súa toma do poder en 1959. El foi quen elaborou e desenvolveu a Lei da Reforma Agraria, coñecida como “a lei que cambiou Cuba”. Rafael Rodríguez incorporouse á guerrilla de Sierra Maestra en 1958 mais a súa militancia viña de vello: en 1937 afiliouse ao Partido Comunista. Foi nomeado en 1976 vice-presidente do goberno e do Consello de Estado. Nos primeiros anos do goberno revolucionario era un dos principais partidarios de achegarse á Unión Soviética.

Outro galego que xogou un papel importante foi Óscar Fernández Mel, comandante do Exército rebelde e axudante do Che Guevara en África. Foi ministro, embaixador e alcalde da Habana. Fillo dun emigrante de Bretoña (A Pastoriza), para a súa xubilación escolleu a terra do seu pai, Galiza.

Estes son só uns poucos nomes, pois houbo moitos máis 'galegos' na revolución cubana, como Chenard Piña, ou Manuel Díaz, o combatente guerrilleiro que fixo de chófer de Fidel e o Che na entrada triunfante na Habana ao vencer a revolución.

Comentarios