Otegi ve o referendo catalán como "unha moción de censura ao réxime do 78"

O curso político que acaba de comezar e que terá como primeiro fito o referendo en Catalunya o próximo 1 de outubro "non será á usanza dos anteriores" porque "mudará substancialmente as cousas no Estado" e terá "unha dimensión histórica", dixo onte Arnaldo Otegi, coordinador xeral de EH Bildu nun acto en Donostia.

otegi
photo_camera Arnaldo Otegi, coordinador xeral de EH Bildu.

Otegi subliñou que a esquerda independentista e soberanista vasca debe ser quen de transmitir á cidadanía a "importancia" desta "nova fase", e celebrou as votacións do 1 de outubro en Catalunya como "unha moción de censura ao réxime do 78". O líder vasco considerou que estamos diante "do derrubo, o fracaso, o final e o esgotamento do modelo do réxime de 1978", o que cualificou como "unha fase histórica" antes de mostrar a solidariedade dos vascos co pobo de Catalunya, co cal, "temos todas as complicidades do mundo" porque están xuntos "na mesma tarefa transformadora", explicou.

Insistiu Otegi en que o referendo do 1-O puxo "data a unha moción de censura que quere acabar co réxime do 78" e animou a Euskadi e a Navarra a mudar o modelo de relación "con respecto ao Estado español" para que se asente "no respecto e na igualdade".

"Non podemos seguir sendo parte subsumida dun Estado que xerarquicamente impón as súas leis, seus proxectos económicos, sociais e culturais porque consideran que estamos baixo a súa tutela e que non temos capacidade de discernimento para facer unha cousa diferente", concluíu Otegi.

Comentarios