Otegi recuperará a liberdade o 1 de marzo

A incógnita está en saber se finalmente poderá concorrer ás eleccións vascas do próximo mes de outubro.

Arnaldo Otegi nun acto público

O xuíz central de vixiancia penitenciaria tomou en consideración os argumentos da defensa de Otegi e resolveu acortar case un mes a súa estancia na cadea de Logroño. Estaba previsto que a abandonase o 28 de marzo. Farao o día 1 ao computarse como pena o tempo investido nas súas comparecencias perante os xulgados desde que en 2009 foi condenado por impulsar o proceso Bateragune, unha estratexia política que visaba a pacificación e a resolución do conflito vasco e que conduciu ao fin do uso da violencia por parte de ETA. O aparato xudicial do Estado español puniu o dirixente da esquerda abertzale por considerar que a súa aposta política non era máis que o cumprimento das ordes da organización armada. 

Un auto ditado o 18 de xaneiro pola Audiencia Nacional tencionou deixar fóra a Otegi de toda opción a se apresentar como candidato da esquerda independentista vasca nas eleccións ao Parlamento de Vitoria previstas para o mes de Outubro. Sortu interpreta, porén, que o seu secretario xeral (foi eleito para tal cargo durante a súa estancia en prisión) si poderá concorrer aos comicios pola indeterminación do auto. A inhabilitación ficaría sen efeito ao non precisar cal sería en concreto o cargo público ao que o político de Elgoibar non podería aspirar. Non só opina así Sortu, en termos semellantes tense pronunciado o fiscal superior da comunidade autónoma vasca, Juan Calparsoro.

Otegi, de 57 anos, permanece en prisión desde o 13 de outubro de 2009.

Comentarios