Preacordo

Otegi pregunta a Sánchez e Iglesias se van vernizar ou democratizar

A esquerda abertzale agarda polas concrecións do preacordo alcanzado por PSOE e Unidas Podemos para valoralo. Otegi adiantou que a vontade EH Bildu é decidir a súa posición xunto os partidos asinantes do acordo de Llotja de Mar.

Otegi pregunta a Sánchez e Iglesias se van vernizar ou democratizar
photo_camera Arnaldo Otegi, secretario xeral de EH Bildu (Nagore Iraola / EP)

Ante o preacordo alcanzado a pasada terza feira, 12 de novembro, por Unidas Podemos e PSOE para formar un executivo no Estado, o líder abertzale Arnaldo Otegi sinalou que agardará a coñecer as concrecións do pacto para valoralo. Así mesmo, Otegi adiantou que a intención de EH Bildu é a de tomar a decisión sobre a investidura xunto os partidos asinantes da declaración de Llotja de Mar.

Así, o portavoz de Bildu asegurou que «a pelota non está no tellado do independentismo, senón no seu – en referencia a Iglesias e Sánchez-» e asegurou que cómpre «falar con tranquilidade, non hai présa».

En EH Bildu non se amosaron moi optimistas, xa que «os precedentes non son bos», lembrou Otegi

«O mundo non cambia nun día», aseverou Otegi en relación ao pacto alcanzado en tan só 24 horas cando durante meses semellaba imposíbel e levaron o Estado a novas eleccións xerais. «Nós tampouco cambiamos as nosas reflexións dun día para outro», exclamou o abertzale con ironía e asegurou que a cuestión non están en ter ministros, sacar fotos e facer chíos, senón que se trata «do que vas facer».

A ese respecto, Otegi preguntouse se o preacordo abre unha xanela de oportunidade para Euskal Herria, para o Estado e para os dereitos ou se, pola contra, o que queren Podemos e PSOE é dar «un verniz de chapa e pintura ao Réxime do 78». De tratarse disto, o histórico dirixente da esquerda independentista vasca xa adiantou que non van estar, mais se o que queren os partidos progresistas españois é «democratizar» asegurou que están en disposición de falar.

Porén, en EH Bildu non se amosaron moi optimistas, xa que «os precedentes non son bos», lembrou Otegi, quen recordou a actitude e as promesas realizadas por Sánchez durante a campaña falando de recuperar o delito no código penal para quen convoque referendos.

«O mundo non cambia nun día», aseverou Otegi en relación ao pacto alcanzado en tan só 24 horas

A este respecto e sobre o preacordo asinado entre UP e PSOE, onde se fala de recuperar a convivencia en Catalunya, Otegi lembrou que o problema catalán é político e non de convivencia, ao igual que xa afirmara na terza feira 12 de novembro Marta Vilalta, portavoz de Esquerra Republicana de Catalunya.

Otegi quere saber que vai dicir o acordo sobre aspectos sociais, se haberá derrogación da reforma laboral ou sobre o dereito dos pobos a decidir o seu futuro.

Acordo de Llotja de Mar

O portavoz de EH Bildu afirmou que cando transcendan as concrecións decidirán a súa postura co resto de partidos que subscribiron o Acordo de Llotja de Mar e sobre o grao en que se concreten os puntos que apareceron nesta declaración das formacións soberanistas, entre as que atopan forzas que alcanzaron representación no Congreso como son BNG, EH Bildu, ERC, Junts e CUP.

Comentarios