A OTAN preme Ancara para que acepte a entrada dos países nórdicos

A alianza militar mobiliza menos tanques dos previstos para entregar a Ucraína, entrementres, a OTAN insiste a Turquía que acepte canto antes a entrada de Finlandia e Suecia.
Edificio atacado en Kíiv. (Foto: Sergei Chuzavkov / SOPA Images via / DPA)
photo_camera Edificio atacado en Kíiv. (Foto: Sergei Chuzavkov / SOPA Images via / DPA)

Desde Turquía, onde se reuniu co presidente do país, Recep Tayyip Erdogan, o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, reiterou a quinta feira que “agora é o momento de ratificar [a adhesión de] Finlandia e Suecia”, países que destacou, fixeron “grandes pasos” para entrar na alianza militar liderada polos Estados Unidos.

Entre as medidas que reclamou Turquía para aceptar a súa incorporación está a entrega de activistas kurdos que para Ancara son “terroristas”, o que espertou as críticas das entidades en defensa dos dereitos humanos polo risco de violacións que suscita esta posibilidade.

Diante da resposta do ministro de Asuntos Exteriores turco, Mevlut Cavusoglu, que volveu apuntar que poderían estudar as candidaturas de presentarse separadas, Stoltenberg abriu a porta por primeira vez a esa opción após insistir en que terían que ser aceptadas conxuntamente.

Amais de Turquía, que xa anunciara que non tomaría unha decisión até o verán para que decida o Executivo e o lexislativo que saian dos comicios previstos en maio deste ano, tampouco Hungría aceptou a adhesión, algo que segundo adiantaron, se producirá antes que no caso de Turquía, aínda centrada nas tarefas humanitarias e na reconstrución das zonas afectadas polos sismos da semana pasada, que causaron máis de 41.000 mortes no sur do país e no norte de Siria.

Con respecto ao conflito en Ucraína, o Parlamento da Unión Europea aprobou unha iniciativa na que salienta o seu apoio a continuar enviando armamento ao Exército ucraíno, solicitando que se analice o envío de avións de combate, unha das principais demandas de Kíiv e que polo de agora a OTAN descartou.

Ademais, transcendeu que os Estados da alianza militar que están a organizar o envío de tanques ás Forzas Armadas ucraínas xuntaron até 43 carros blindados de combate para un primeiro envío nos próximos meses. Esta cifra está por baixo dos entre 70 e 80 tanques previstos para esta fase, cos que Kíiv podería formar até dous novos batallóns.

Apenas 24 horas despois do pacto na OTAN para incrementar a produción de armas, o ministro de Defensa do Reino Unido, Ben Wallace, recoñeceu a The Independent que “a nosa munición, o nivel de capacidade de defensa, a nosa capacidade de resistir ataques, está polo chan” tras os envíos a Ucraína.

Pola contra, o titular de Exteriores mexicano, Marcelo Ebrard, afirmou que “non creo que enviar armas para prolongar o conflito teña apoio en América Latina”, e pediu unha solución política para acabar coa guerra.

Comentarios