A OTAN mobilizarase no Exeo e os EUA piden que interveña na Siria

A organización internacional despregarase co obxectivo de “frear” os fluxos marítimos de persoas refuxiadas e valora sumarse á operación despregada polas forzas estadounidenses na Siria “como un membro en si propio” malia anunciar EUA e Rusia un cesamento ao fogo a vindeira semana.

NATO_Refugees
photo_camera Jens Stoltenberg [Imaxe NATO]

Após reunírense en Bruxelas os ministros de Defensa dos estados integrantes da OTAN, a organización internacional acordou despregar a súa segunda frota permanente –actualmente localizada no Mediterráneo-- en augas do Exeo. O obxectivo, sinalou o seu secretario xeral, Jens Stoltenberg, será “participar dos esforzos internacionais para frear o tráfico ilegal e a inmigración ilegal no Exeo”.

No concreto, mobilizarán tres buques da agrupación naval que estarán baixo mando alemán que comezarán a desenvolver “inmediatamente” e “sen dilación” labores de recoñecemento e intelixencia “en cooperación coas autoridades relevantes”, dixo. Isto é, con Frontex e a garda costeira turca.

O continxente da OTAN no Exeo podería aumentar con posterioridade após anunciar diversos estados membros a súa disponibilidade para achegar máis efectivos

Porén, o continxente será aumentado con posterioridade, aclarou Jens Stoltenberg, após anunciar diversos estados a súa disponibilidade para reforzar a operación.

A OTAN podería sumarse ás operacións na Siria

Doutra banda, na xuntanza decorrida a OTAN avanzou, através do secretario de defensa estadounidense, Ashton Carter, que estuda a posibilidade de se sumar “como un membro en si propio” ás forzas que actualmente teñen despregadas operacións militares na Siria e Iraq, nomeadamente os EUA.

Con esta decisión Carter asegurou que queren “acelerar a campaña” desenvolvida polo que algunhas das forzas militares desprazadas, como a holandesa, intensificarán os bombardeos e faranos extensíbeis a Siria. Cuestión que tamén levará a cabo Arabia Saudí, segundo explicou o responsábel militar estadounidense.

Holanda e Arabia Sauidí anunciaron que intensificarán os bombardeos na Siria

EUA quere “resultados tanxíbeis” no prazo dun mes e coa OTAN como axente sobre o terreo poderían mesmo valorar a posibilidade de que se desenvolvan operacións terrestres. A OTAN, dixo, aportaría “capacidades únicas” achegando “experiencia en impulsar a capacidade dos seus socios, formar forzas terrestres e dar apoio para a estabilización”.

Os obxectivos, dixo, “son derrotar primeiro o tumor do Daesh (ISIS) en Iraq e Siria”, “combater as súas metástases” e “protexer as nosas nacións”. Porén, o anuncio coincide coa decisión adoptada polo grupo de negociación para a resolución do conflito na Siria, do que fan parte EUA, Rusia e as Nacións Unidas, entre outros.
 

Axuda humanitaria e cesamento ao fogo na Siria

Simultaneamente ao anuncio da OTAN, o secretario de Relacións Exteriores estadounidense, John Kerry e o seu homólogo ruso, Sergei Lavrov, anunciaron que desenvolverán un plan de entrega de axuda humanitaria nas cidades sirias que se atopan sitiadas, ao tempo que acordaron un cesamento ao fogo “nunha semana” como “confirmación da resolución das Nacións Unidas sobre Siria”.

Este feito podería facilitar o re-inicio das conversas de paz nas que deseñar un proxecto de “transición política” no país. Porén, entre outras cuestións, Rusia exixe que se incorporen ás conversas representantes das organizacións políticas curdas, entre elas o PKK, algo que os EUA rexeitan pola presión de Turquía.

Comentarios