A OTAN despregarase no Mediterráneo Central

A operación foi alcumada 'Gardiá do mar' e visa frear a chegada de persoas refuxiadas e migrantes procedentes de Libia.

UNHRC_Refugees_Mediterráneo
photo_camera [Imaxe UNHRC]

A cimeira da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) acordou esta fin de semana reunida en Varsovia, despregar unha operación militar no Mediterráneo Central. O obxectivo é frear o fluxo de persoas migrantes e refuxiadas que parten desde a costa libia cara á territorio comunitario nunha das rotas máis perigosas que actualmente se atopan activas. 

A operación foi alcumada durante o encontro como 'Gardiá do mar' e vén a reforzar a despregada anteriormente no Mar Exeo, entre as illas gregas e Turquía. 

Após o fechamento das fronteiras interiores da UE na rota dos Balcáns e da sinatura do acordo con Turquía, o Mediterráneo central tornouse nunha das principais vías de acceso

Os detalles do acordo de colaboración entre a OTAN e a UE non se coñecerán até o mes de setembro mais, en verbas do secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, visa actuar sobre a "inestabilidade" provocada pola "peor crise migratoria e de refuxiados desde a II Guerra Mundial" así como a onda de atentados terroristas que atinxiron "as nosas cidades", dixo en relación aos estados membros da alianza. 

Após o fechamento das fronteiras interiores da UE e a sinatura do acordo entre a Unión e Turquía para converter este último nun tapón ao fluxo de persoas refuxiadas, o Mediterráneo central tornouse de novo nunha das principais vías de acceso ao continente europeo. As embarcacións proceden case na súa práctica totalidade de Libia, un estado falido após a operación militar despregada polos EUA, Franza, o Reino Unido e o Estado español en 2011. Sen goberno nen control efectivo sobre a poboación e o territorio, as mafias que trafican con persoas desenvolven a súa actividade aproveitándose da situación límite na que se atopan persoas que fuxen da guerra ou da fame.
 

Mediterráneo central como vía marítima

Segundo os dados fornecidos pola Organización Internacional para as Migracións (OIM) no que vai de ano (até o 6 de xullo) por volta de 230.885 persoas refuxiadas e migrantes entraron en Europa através do Mediterráneo desembarcando nas costas de Italia e Grecia. Aliás, 2.920 persoas faleceron tentando chegar, mil máis que no mesmo período de 2015. 

2.920 persoas faleceron tentando chegar

Na súa maioría, as operacións de resgate desenvólvense na Canle de Sicilia. Nos últimos meses os lugares de orixe das persoas resgatadas foron Eritrea, Nixeria, Somalia, Sudán, Siria e Gambia en Italia. Siria, Afganistán, Iraq, Paquistán e Irán en Grecia. 

Cómpre lembrar que desde o 20 de marzo de 2016 as persoas refuxiadas e migrantes que chegan a territorio grego son deportadas a Turquía após a entrada en vigor do acordo bilateral asinado entre ambos os dous territorios co obxectivo de as "disuadir". 

Comentarios