A OTAN aposta por escalar a guerra no leste de Europa e apoia que Ucraína bombardee territorio ruso

Rusia advirte dunha posíbel resposta asimétrica no caso de ser alcanzada as súas cidades por mísiles doados por países da OTAN.

Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN (Foto: NATO / dpa).
photo_camera Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN (Foto: NATO / dpa).

Estados Unidos aposta por escalar a guerra entre Rusia e Ucraína. Tras coñecerse a decisión do presidente estadounidense, Joe Biden, de autorizar ao mandatario ucraíno, Volodimir Zelenski, os bombardeos sobre chan ruso coas armas fornecidas pola Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), esta sexta feira o secretario xeral da alianza, Jens Stoltenberg, sinalou que “Ucraína ten o dereito á autodefensa. Nós temos o dereito para axudar a Ucraína no seu dereito á autodefensa e iso non fan aos aliados da OTAN parte do conflito”.

Stoltenberg tentou restar transcendencia ao novo paso dado pola OTAN. Neste sentido, aseverou que “o presidente Putin tenta ameazarnos para que non o fagamos. O día da invasión, pronunciou un discurso no que ameazou a todos os países que fosen prestar calquera tipo de apoio a Ucraína, que iso era perigoso e que tería consecuencias”.

Nesta dirección, continuou que “Ucraína non debe devolver o golpe non é en absoluto razoábel, porque Ucraína debe ser capaz de defender o seu territorio, tamén, por suposto, golpeando os mísiles que se lanzan contra eles desde o interior de Rusia”.

A autorización de Biden a Zelenski para atacar territorio ruso con mísiles proporcionados polos Estados da OTAN xerou reaccións en Alemaña. Así, o chanceler, Olaf Scholz, tamén deu esta sexta feira autorización para que o armamento que enviou a Ucraína poida ser empregado para bombardear as cidades rusas, após de terse oposto a esta medida desde o comezo do conflito.

Pola súa banda, o voceiro do Comité de Defensa da Duma, Andréi Kartapólov, asegurou que “o curso da operación militar especial non se verá afectado. Pero xurdirán ameazas para eles. Porque se elevan o grao de escalada, entón nós imos responder. Asimetricamente, pero de forma sensíbel".

Comentarios