venres 29.05.2020

Os muros: un mundo dividido

Disputas ideolóxicas e reivindicacións de territorios rematan sempre por pasar por enriba das vidas de civís inocentes. A comunidade internacional faise cómplice dos muros co seu silencio, mentres que observa como fronteiras trazadas sobre un papel cobran vida a través de formigón e ferro. 

[Imaxe: SG] Muro en Gaza
[Imaxe: SG] Muro en Gaza

5De acordo con informacións de Courrier International, en 1989, ano da caída do muro de Berlín, podíanse documentar no mundo un total de 11 muros ou barreiras físicas. A día de hoxe ese cifra alcanza os 70. Que pasou nestes últimos 30 anos para que se producise tal aumento? O medo ao terrorismo, á inmigración ilegal, ao tráfico de armas... mesmo o recordo de guerras pasadas segue a erixir muros que separan poboacións enteiras. Familias divididas polo conflito e xente illada que trata de facer unha vida normal entre valados de espiño e minas. Eis un repaso polos principais muros do mundo. 

Sáhara Occidental: Un conxunto de oito muros –compostos por búnkeres, valados e campos de minas– que superan os 2.720 quilómetros de lonxitude “protexe” o territorio saharauí ocupado por Marrocos. Foron construídos en 1980 polo exército marroquí, coa axuda de expertos israelitas e financiamento saudita. Os números apuntan a unha cifra entre 10 e 40 millóns de minas e ao redor de 1000.000 soldados. A súa intención non é outra que evitar incursións da Fronte Polisaria para recuperar a súa terra. Dous terzos do Sáhara Occidental están invadidos por Marrocos. É considerado o segundo muro máis grande do mundo, só superado pola Muralla Chinesa.

Exipto-Gaza: Na cidade palestina de Rafá, sobre a fronteira con Exipto, un muro subterráneo corta o paso de subministros básicos á Franxa de Gaza. Xa no 2009 Exipto, naquel entón baixo o goberno de Hosni Mubarak, decidiu reforzar o control militar na súa fronteira co territorio palestino cun valado de aceiro de 12 quilómetros. Mais o tráfico de alimentos e outros bens continuou baixo terra até que no 2013 os túneles foron derrubados e controlados. Desde Tel Aviv presionaron o Cairo, xa que Hamas podía obter armas a través destas galerías. O paso fronteirizo abre en contadísimas ocasións, resultando pois nun bloqueo total e efectivo de Gaza.

Israel-Cisxordania: A zona considerada polo dereito internacional e as Nacións Unidas como territorio ocupado por Israel, conforma xunto con Gaza o Estado Palestino (separado do país hebreo pola denominada Liña Verde). O Goberno israelita comezou a construír a barreira coa rexión no ano 2002, supostamente para evitar ataques terroristas. O proxecto final estima que a lonxitude sexa de 721 quilómetros. En 2004, a Corte Internacional de Xustiza declarou este bordo ilegal e instou a desmantelalo. Nun 90% está constituído por valados e nun 10% por muros de formigón. Amnistía Internacional, Intermón-Oxfam, Human Rights Watch, UNICEF e outras organizacións de dereitos humanos téñense declarado en numerosas ocasións na súa contra por violar os dereitos básicos do pobo palestino e illar a poboacións enteiras (arredor de 65.000 persoas vivirían totalmente rodeadas por barreiras).

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 331 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

comentarios