xoves 13/08/20

Trump pon a forza naval fronte a Venezuela "para combater o narcotráfico"

O Goberno venezolano cualifícao como "un intento desesperado por desviar a atención da tráxica crise humanitaria que experimentan os EUA como consecuencia do errático manexo das súas autoridades ante a COVID-19".
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump (POLARIS)
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump (POLARIS)

O Goberno dos Estados Unidos anunciou nas últimas horas a mobilización dunha forza naval militar nas augas internacionais do Caribe e do Pacífico oriental, nomeadamente fronte ás costas de Venezuela co fin de levar a cabo operacións na loita contra o narcotráfico.

"Non podemos permitir que os carteis da droga exploten a pandemia para pór en risco vidas estadounidenses", dixo Donald Trump na Casa Branca rodeado pola plana maior do seu Executivo, antes de ofrecer a súa habitual conferencia de prensa sobre a situación da crise do coronavirus.

A acción chega poucos días despois de que o Departamento de Xustiza dos EUA acusase o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, e outros altos dirixentes do Goberno venezolano de tráfico de drogas e outros delitos.

Pouco despois do anuncio, o vicepresidente de Venezuela, Jorge Rodríguez, dixo que era "un intento de desviar a atención" sobre o que está a ocorrer nos EUA coa crise sanitaria da COVID-19. Nesta mesma liña se pronunciou horas despois Maduro: "Trump tratou de desviar a atención da crise humanitaria de saúde que teñen, falando de Venezuela".

O Goberno venezolano publicou un comunicado onde "repudia enerxicamente as declaracións feitas por Donald Trump, o seu secretario de Defensa, o seu fiscal xeral e outros funcionarios do seu equipo de seguridade, quen nun intento desesperado por desviar a atención da tráxica crise humanitaria que experimenta ese país como consecuencia do errático manexo das súas autoridades ante a COVID-19, pretenden agredir a Venezuela con infamias e ameazas".

Pola súa banda, a oficina do autodesignado presidente de Venezuela e líder da oposición, Juan Guaidó, emitiu un comunicado felicitándose polo anuncio de Washington, que cualificou "como unha acción positiva para frear as redes narcoterroristas que impulsou o réxime de Nicolás Maduro".

comentarios