As nacións europeas sen Estado tomarán a palabra esta fin de semana en Galiza

Ian Hudghton e Oriol Junqueras estarán esta fin de semana en Galiza. Hudghton, a sexta feira en Vigo. Junqueras, o sábado en Compostela. Hudghton é eurodeputado do Scottish National Party. Junqueras, o presidente de Esquerra Republicana de Catalunya. Protagonizarán senllos actos públicos organizados polo Bloque Nacionalista Galego.
Ian Hudghton e Oriol Junqueras
photo_camera Ian Hudghton e Oriol Junqueras

Sexta feira. Vigo. 19.30 horas, no Museu Marco. Momento e lugar para Ian Hudghton (SNP) disertar sobre O proceso de independencia de Escocia, título da súa palestra.

Sábado. Santiago de Compostela. 11.30 horas. Hotel Araguaney. Será a quenda de Oriol Junqueras, o líder da segunda forza en número de deputad@s do Parlament, Esquerra Republicana. A súa palestra levará o rótulo de O dereito a decidir de Catalunya.

Non estarán sós. Canda eles estarán o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e @s eurodeputad@s Ana Miranda (BNG), Jill Evans (do Plaid Cymru galés) e François Alfonsi (do Partitu di a Nazione Corsa).

Quen convoca estes actos é o Bloque Nacionalista Galego nunha iniciativa de diálogo internacionalista que ten como título xenérico o de Os Procesos de Soberanía das Nacións Europeas.

O BNG continúa así a intensificar a súa axenda de relacións exteriores, após os recentes contactos coa esquerda abertzale en Santiago de Compostela e con EH Bildu e ERC en Bilbo, pondo sempre no primeiro plano a reivindicación da soberanía nacional.

Comentarios