O orzamento da UE cinguirase ao teito marcado polos Estados

Hungría podería vetar, porén, o pacto alcanzado polo Parlamento Europeo e os Gobernos dos Estados para o novo Marco Financeiro Plurianual (2021-2027), que serviría ademais para desbloquear o fondo de recuperación de 750.000 millóns de euros.
Plenary session - Opening of the sitting
photo_camera Constitución do actual Parlamento Europeo, o 2 de xullo de 2019 (Parlamento Europeo)

O Parlamento Europeo e os Gobernos dos Estados membros lograron hoxe un acordo sobre o orzamento da UE para os próximos sete anos, un importante paso para desbloquear tamén o fondo de recuperación de 750.000 millóns de euros pensado para relanzar as economías despois da pandemia.

A negociación do novo Marco Financeiro Plurianual para o período 2021-2027 estendeuse durante case catro meses, e o pacto deberá ser referendado agora en ambas as institucións.

Será finalmente de 15.000 millóns de euros o reforzo das dotacións de programas chave como Erasmus, Horizonte (sobre I+D) ou EU4Health (sanitario) e de 1.000 millóns adicionais para adaptación a crises futuras. A Eurocámara reclamaba, porén, un gasto extra de 39.000 millóns, superando así o teito do gasto.

Non obstante, o Consello da UE impuxo a súa postura neste punto en liña co pactado en xullo polo Consello Europeo (os xefes de Estado e de Goberno). Deste modo, o orzamento 2021-2027 ascenderá a 1,074 billóns de euros. O reforzo das partidas chave chegará, preferentemente, das multas que a Comisión Europea impón a empresas por prácticas anticompetitivas (11.000 millóns) e de utilizar 2.500 millóns nas marxes do orzamento.

Emisión de débeda

Outro dos aspectos en que se impuxeron os Gobernos sobre os eurodeputados é no tratamento dos intereses que xerará a débeda para financiar o plan anticrise. Finalmente, tal e como defendía o Consello, incluiranse dentro do teito do orzamento. A cambio, ambas as institucións pactaron unha "folla de ruta" para a introdución de novos recursos propios a medio e longo prazo que sirvan para pagar os vencementos desta débeda.

"Non podemos aceptar que a débeda provoque que no futuro se recorten os programas e os fondos", explicou o eurodeputado portugués José Manuel Fernandes, membro do equipo negociador da Eurocámara.

Porque o acordo deixa o camiño expedito para que os Estados ratifiquen nos seus Parlamentos a lexislación que permita á Comisión Europea emitir débeda para financiar o Fondo. Porén, o éxito non está garantido dado que Hungría xa ameazou con vetar as decisións que requiren unanimidade ─o orzamento e os recursos propios─ polo seu descontento coa vinculación entre diñeiro e respecto polos valores comunitario e o Estado de Dereito.

Comentarios