Orfos do Cóndor: Contragolpe conservador en América Latina

Tras os cambios producidos en América Latina e as fortes convulsións e desafíos que vive a rexión, escóndese algo máis que un cambio social espontáneo. As inxerencias estranxeiras, a instrumentalización do poder xudicial e os golpes militares resultaron claves para que en apenas unha década a "Marea Rosa" tornase nunha volta á dereita.
bolivia represion manifesto golpe de estado

O triunfo da chamada revolución socialista bolivariana non só supuxo un brusco cambio político para Venezuela, senón que, aproveitando a viraxe do rumbo xeopolítico de Washington cara a Oriente Medio e baixo o liderado de Hugo Chávez e o apoio da Cuba castrista, Venezuela logrou en apenas un par de anos estruturar unha serie de organizacións políticas con carácter propio en América Latina que arrebataron gran parte do poder que até entón posuían os Estados Unidos.

Case dúas décadas despois de que Chávez propuxese a creación dun organismo de cooperación, complementariedade e solidariedade coñecido como Alba (A Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América), co que o líder bolivariano pretendía afrontar a loita contra a pobreza e a exclusión social en América Latina e o Caribe, desde postulados moi afastados da doutrina neoliberal imposta polos Estados Unidos, a rexión atópase hoxe sumida nunha serie de conflitos sociais e políticos, cuxo nexo común debúxao o retorno de Gobernos de signo conservador aos diversos Estados que se situaron en posicións que desafiaban a política imposta por Washington no seu "patio traseiro".

Contragolpe conservador

Tal e como sucedeu nas décadas dos setenta e oitenta no marco da Guerra Fría, a actualidade de América Latina atópase de novo marcada pola tensión xeopolítica, aínda que a complexidade actual evolucionou en consonancia coa realidade dun mundo multipolar.

Á constante presión diplomática e económica á que se viu sometida Venezuela por parte dos Estados Unidos e ao histórico bloqueo sobre Cuba, temos que sumar unha serie de iniciativas políticas, xudiciais e militares que, de maneira oportuna para o conservadorismo, remataron coa instauración de gobernos favorábeis á implantación de medidas económicas neoliberais.

A balcanización de proxectos como o Alba, Petrocaribe, Unasur (Unión de Nacións Suramericanas) ou a Celac (Comunidade dos Estados Latino-Americanos e Caribeños) e o consecuente repregamento da Marea Latinoamericana, ten o seu inicio coa chegada de diversos Gobernos de índole conservador a países como Arxentina, Brasil, Chile, Colombia e Perú. Aínda que a sombra da inxerencia estadounidense sempre acompañou ao xiro conservador en América Latina.

En 2004, con George W. Bush á fronte da Casa Branca, forzas especiais estadounidenses secuestraron o presidente de Haití, Jean- Bertrand Aristide, obrigándoo a asinar unha declaración de renuncia "baixo a ameaza dos fusís M-16". En 2009, esta vez baixo o mandato de Barack Obama, un novo golpe de Estado remata co terratenente e socialdemócrata Manuel Zelaya, tras anunciar este a convocatoria dunha asemblea constituínte cara a aprobar unha Constitución progresista no país.

Xa en 2012, o Congreso do Paraguai inicia un xuízo político rápido para destituír o bispo e líder da Alianza Patriótica para o Cambio Fernando Lugo, abrindo desta maneira a porta á instrumentalización do poder xudicial por parte do poder político e económico, que propiciaría unha serie de actuacións destinadas a alterar significativamente o equilibrio de poder na rexión.

Brasil e Arxentina

No Brasil, en 2015, o presidente da Câmara acolle unha petición de impeachment contra a presidenta Dilma Rousseff, por incumprimento da Lei de Responsabilidade Fiscal. Iníciase así unha serie de acontecementos que rematan coa inhabilitación da mandataria do Partido dos Trabalhadores (PT) e coa posterior vitoria electoral do candidato conservador Jair  Bolsonaro en 2018. Unha vitoria marcada pola invalidación da candidatura de Lula da Silva, froito dun proceso xudicial que podería estar vinculado a unha trama política corrupta cuxo obxectivo final consistía precisamente en neutralizar a carreira electoral do ex presidente.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios