Ordenan a empresa do tren accidentado en Ohio realizar análises de contaminantes

Aumentan os casos de persoas atendidas por síntomas relacionados cos produtos tóxicos do tren accidentado, sostén a poboación da zona, como ardor ao respirar, erupción na pel ou debilidade xeral.
Tren descarrilado en Ohio. (Foto: Europa Press / Contacto / NTSB)
photo_camera Tren descarrilado en Ohio. (Foto: Europa Press / Contacto / NTSB)

Norfolk Southern, a empresa propietaria do tren accidentado o 3 de febreiro en Ohio, nos Estados Unidos, que causou un desastre ambiental en palabras das autoridades, recibiu na madrugada de onte unha orde da Axencia de Protección Ambiental (EPA) para que efectúe análises sobre a calidade do aire e da auga da contorna para determinar o nivel de propagación dos tóxicos.

Após o descarrilamento de 38 vagóns, máis da metade con substancias perigosas, comezou un lume que a empresa e os responsábeis gobernamentais decidiron intensificar para evitar unha explosión incontrolada que afectase aos habitantes nas proximidades, e que tardou 48 horas en extinguirse.

A EPA insistiu en que o risco de intoxicación é “baixo” malia que os contaminantes foron detectados no río Ohio, do que beben cinco millóns de persoas, e xustificou a demanda á compañía por “sobre precaución”, que achaca a alarma xerada entre a poboación.

Desde a volta das 2.000 persoas evacuadas pouco despois de apagarse o lume, a veciñanza de Palestina Leste, a vila na que decorreu o descarrilamento, trasladou que sofre dores de cabeza polos cheiros constantes a químicos na zona, e que as autoridades reiteran están por baixo dos niveis considerados de risco.

Así e todo, un centro médico privado que cubre o condado de Columbiana comunicou que atendeu multitude de pacientes da localidade, cada vez “máis e máis xente”, por ardor ao respirar, erupcións na pel ou síntomas de debilidade. Unha vez que son tratados e reciben a alta volven atoparse mal en pouco tempo. Nestas condicións “non creo que se trate de alerxias”, sostén a voceira da clínica, Deb Weese.

Fontes gobernamentais recoñeceron que até 45.000 animais acuáticos morreron ao chegar a vertedura aos cursos de auga, e defenden que non se rexistraron mortes de animais terrestres, algo que os veciños afirman.

A Axencia Internacional para a Investigación do Cancro debullou que substancias como o cloruro de vinilo, unha das que transportaba o tren, están clasificadas como canceríxenas, mentres que Silverio Caggiano, ex xefe de bombeiros de Ohio, advertiu que a difusión destes produtos pode xerar unha crise sanitaria con efectos latentes nos vindeiros 15 a 20 anos.

Mentres, a poboación acusa nas distintas xuntanzas ao respecto a empresa e a EPA de mentir, e critica que non se estea a estudar trasladalos a outra localidade máis segura e que unha semana despois do accidente a empresa estaba a usar as mesmas vías sen retirar a terra contaminada pola vertedura, algo que non comezou a facer até hai unha semana.

Comentarios