MADURO DENUNCIA "GOLPE DE ESTADO"

A oposición venezuelana saca do arresto a López e Guaidó chama o exército a “tomar as rúas”

O goberno de Nicolás Maduro denuncia un "golpe de estado" e afirma que a operación é obra “dun reducido grupo de militares traidores”.

guaidó
photo_camera Captura do vídeo no que Guaidó chama o exército a "tomar as rúas" contra a "usurpación" de Maduro.

Leopoldo López, un dos líderes da oposición venezuelana, foi sacado do seu arresto domiciliario por un grupo de militares nunha acción impulsada por Juan Guaidó, autoproclamado presidente de Venezuela. Guaidó chamou desde unha base militar aérea o pobo e o exértido a “tomar as rúas”. 

 

O goberno de Venezuela denuncia que se está producindo un intento de “golpe de estado” por parte de “militares traidores” após que o autoproclamado presidente Juan Guaidó anunciase desde unha base militar o inicio da “fase final” para acabar coa “usurpación” de Nicolás Maduro.

“Informamos o pobo de Venezuela que estamos enfrontando e desactivando un reducido número de efectivos militares traidores que se posicionaron no distribuidor Altamira para promover un golpe de estado contra a constitución e a paz da República”, afirma o Ministro de Comunicación, Jorge Rodríguez. “A esta tentativa [de golpe de estado] agregouse a ultradereita golpista e asasina, que anunciou a súa axenda violenta hai meses”, engade o ministro. Neste sentido, fixo un chamamento “ao pobo a manterse en alerta máxima para, xunto á gloriosa Forza Armada Nacional Bolivariana, derrotar o intento de golpe de estado”.

O ministro de Defensa de Venezuela, Vladimir Padrino, afirma que os cuarteis do país están funcionando con "normalidade" e rexeitou o pronunciamiento "golpista" de Juan Guaidó.

O goberno do Estado español di que non apoia ningún golpe de Estado mais di que é Juan Guaidó a persoa "lexitimada para levar adiante unha transformación democrática" en Venezuela 

En ampliación

Comentarios