Oposición e mass media globais tentan dividir o movemento bolivariano e promoven xa a Capriles

Henrique Capriles presentarase como candidato opositor aos comicios presidenciais en Venezuela.
Nicolás Maduro e Diosdado Cabello fronte a imaxe de Chávez
photo_camera Nicolás Maduro e Diosdado Cabello fronte a imaxe de Chávez

A imprensa internacional, os mass media globais, claramente hostís a Chávez,continúa coa estratexia de tentar a desestabilización, por división, do movemento bolivariano. Aliás, Maduro está ao mando sen que ningunha corrente relevante do movemento bolivariano poña en cuestión a última vontade de Chávez (a de o seu vicepresidente asumir o liderado da Revolución).

O día despois do falecemento de Hugo Chávez a Mesa de Unidade Nacional, que abrangue os partidos opositores á revolución bolivariana, reuniuse para determinar a estratexia a seguir perante os comicios que se poderían levar a cabo a finais do mes de abril, segundo informan algúns medios de comunicación venezolanos.

Divide et impera

A oposición, que mantivo un posicionamento belixerante durante a convalecencia do comandante Chávez, prepara xa a súa campaña. Ao igual que nos últimos meses, a MUD procura abrir fendas entre o movemento bolivariano batendo contra Nicolás Maduro, ao tempo que promove a figura do presidente da Asemblea, Diosdado Cabello. Continúa así coa estratexia do divide et impera. Este foi o tema que centrou a primeira xuntanza da formación liderada polo que será de novo candidato ás presidenciais, Henrique Capriles.

Pouco menos de 48 horas demoraron as principais cabeceiras e emisoras da imprensa transnacional en centrar o seu obxectivo nos comicios e no "limbo político polo que se precipita o país" --asevera o diario español El País. Os grandes grupos mediáticos encetan a precampaña en contra "do oficialismo" e poñen no seu punto de mira o candidato bolivariano, Nicolás Maduro, ao que exixen abandone a responsabilidade de goberno se pretende optar á presidencia da República. Aliás, acúsano de asumir o papel de mandatario en contra do disposto na Constitución. Neste senso, o xurista opositor Gerardo Blyde --membro da Mesa pola Unidade Democrática-- empregábase a fondo, após a primeira xuntanza da MUD, de modo a deslexitimar a decisión do Goberno bolivariano. Blyde argumenta que de acordo coa lei eleitoral Maduro, se ten responsabilidades de goberno, non podería ser candidato. Argumento disparatado se reparamos en que é práctica habitual que os presidentes se presenten á reelección, acaba de o facer Obama nos EUA.

Sobrevivirá o chavismo sen Chávez?
Esa é a pregunta que pouco despois de se coñecer a nova do pasamento de Hugo Chávez se extendía entre as forzas contrarias á revolución bolivariana. Boa parte dos analistas internacionais consultados estes días pola imprensa transnacional aseguran que o chavismo non sobrevivirá sen o seu carismático líder malia a que desde o Goberno insisten en que o proceso de transformacións iniciado hai 14 anos toma parte fundamental do pobo venezolano que loitará por darlle continuidade.

Comentarios