Oposición en Colombia a colaborar cos plans dos EUA en Venezuela

Congresistas envían unha carta ao presidente Iván Duque lembrándolle que o Lexislativo debe dar autorización a unha hipotética intervención militar de Washington. Centos de militares estadounidenses están xa estacionados en bases colombianas.

ivan_duque
photo_camera O presidente colombiano, Iván Duque, abandona a Casa Branca tras reunirse con Donald Trump, o pasado 2 de marzo (POLARIS / CONTACTO)

Congresistas de varias forzas políticas de Colombia mostraron este domingo, 6 de abril, o seu rexeitamento ás palabras do ministro de Defensa, Carlos Holmes Trujillo, quen mostrou a súa disposición a apoiar unha intervención militar dos Estados Unidos en Venezuela.

A través dunha carta enviada ao presidente do país, Iván Duque, senadores de diversas formacións do espectro político, como Alianza Verde, Polo Democrático, Partido Social de Unidade Nacional, Cambio Radical, o FARC, ou a Coalición dos Decentes, recordaron ao mandatario que a Constitución colombiana require de consentimentos previos por parte do Lexislativo. O Congreso está actualmente parado pola corentena.

O artigo 173-4 da Carta Magna sinala que é atribución do Senado "permitir o tránsito de tropas estranxeiras polo territorio" colombiano. Tamén, o artigo 237-3 di que "nos casos de tránsito de tropas estranxeiras polo territorio nacional, de estación ou tránsito de buques ou aeronaves estranxeiras de guerra, en augas ou en territorio ou en espazo aéreo da nación, o Goberno debe oír previamente ao Consello de Estado".

O texto, segundo informou a emisora colombiana Caracol Radio, pide a Duque que non se intrometa en conflitos internacionais, xa que unha decisión desta importancia, ademais de necesitar o beneplácito do Congreso, debería estar en segundo lugar nestes momentos debido á pandemia da COVID-19.

As forzas políticas asinantes do documento cuestionaron ademais que se deba "comprometer recursos do orzamento, capital humano e capacidade institucional nunha guerra para derrocar un Goberno da rexión". O texto foi ratificado por organizacións sociais e sindicais, como a Central Unitaria de Traballadores (CUT) e a Organización Indíxena de Colombia (OIC).

Presenza en sete bases militares

Os acordos militares asinados polos Gobernos de Colombia e dos Estados Unidos permiten que o Exército do país norteamericano poida acceder a sete bases militares no país suramericano. No seu pico máis alto, chegou a contar con até 1.000 efectivos repartidos entres estas sete bases.

En xaneiro de 2019, unha foto ao caderno do daquela asesor de Seguridade da Casa Branca, John Bolton, permitiu ler o texto manuscrito "5.000 militares a Colombia". A imaxe foi tomada despois da xuntanza de Bolton con outros funcionarios estadounidenses para anunciar un paquete de sancións contra a compañía estatal venezolana PDVSA, e no marco da autoproclamación de Juan Guaidó como presidente.

O Departamento de Xustiza dos Estados Unidos anunciou o 27 de marzo a imputación de Maduro, así como doutros membros do seu Goberno, por "narcoterrorismo" e ofreceu unha recompensa de 15 millóns de dólares a quen poida ofrecer información que permita a súa detención.

Comentarios