A oposición ao feche de 150 comunidades aborixes mobiliza milleiros de persoas en Australia

As principais cidades acolleron marchas convocadas por ‘SOS Blak Australia’ contra unha medida do goberno que desprazaría da súa terra ancestral a centos de persoas.

australia 1

Milleiros de persoas mobilizáronse en diversas cidades e vilas australianas contra a pretensión das autoridades de pechar durante este ano 150 comunidades aborixes e desprazar os seus habitantes. Sidney e Melburne foron algúns dos lugares onde decorreron estas manifestacións, convocadas pola campaña ‘SOS Blak Australia’, unha plataforma que explica que o feche destas comunidades vai supoñer “un desastre” para os seus habitantes, aborixes que serán sacados da súa terra ancestral. Para os colectivos e movementos que se opoñen á pretensión do goberno falan de violación dos dereitos das persoas aborixes. “Non é unha elección dun estilo de vida, vivir aí é o seu dereito humano intrínseco e fundamental”.

SOS Blak Australia naceu nas comunidades ameazadas da rexión de Kimberly, en Australia Occidental, que ten unha superficie de 423.000 quilómetros cadrados e unha poboación de 35.000 habitantes, dos cales un 40% son aborixes.

O primeiro ministro de Australia Occidental recoñece que o feche e desprazamento dos aborixes "vai provocar aflicción" 

Colin Barnett, primeiro ministro de Australia Occidental, anunciara en 2014 que aquelas comunidades aborixes máis afastadas de centros de poboación ían ficar sen servizos básicos, o que aconsellaba o seu feche. Unhas declaracións feitas após aprobar unha tesoirada no financiamento para servizos como a auga, electricidade ou recollida de lixo nesas zonas. Barnett recoñece que os fechamentos van provocar “aflición aos aborixes, que terán que se desprazar” e que pode que haxa problemas “nas cidades da rexión onde esta xente se instale”.

Após as manifestacións, o primeiro ministro afirmou que non se vai expulsar a ninguén da súa terra, mais mantivo que non vai manter financiamento de servizos básicos para estas comunidades aborixes.

En Australia hai 670.000 persoas ‘indíxenas’ segundo o censo da Oficina Australiana de Estatística: 600.000 son aborixes australiáns e uns 40.000 ‘isleños’ do estreito de Torres e 26.000 compartan ambas as súas identidades. Suman apenas o 3% do total de persoas que viven en Australia, 22 millóns de habitantes.

Aborixes e pobos indíxenas de Australia sofren "patróns de opresión e racismo, que inclúen a desposesión de terras e os embates contra a súa cultura", según o relator especial da ONU, James Anaya.


 

Comentarios