A operación retorno de Salvini fracasa

O plan de Matteo Salvini para regresar con forza e asaltar Roma pasaba por gañar en xaneiro a Emilia-Romaña e nas recentes eleccións a Toscana, dúas rexións gobernadas pola esquerda desde a Segunda Guerra Mundial. Fracasou nunha e noutra: o Goberno do Partido Democrático aguanta o envite da dereita e mesmo sae reforzado.
EuropaPress_3332304_21_september_2020_italy_milan_matteo_salvini_federal_secretary_of_the_lega
photo_camera O secretario federal da Liga, Matteo Salvini, nunha conferencia de prensa en Milán para valorar os resultados das eleccións rexionais (Gian Mattia D'alberto / LaPress)

O Partido Democrático (PD) e o Movemento 5 Estrelas (M5S) lograron saír con vida, e mesmo reforzados, da primeira cita electoral en tempos de pandemia. O Goberno da República, que conforman actualmente ambas as dúas formacións recibe, polo tanto, unha inxección de confianza. 

O PD e o M5S conseguiron os seus obxectivos. Os socialdemócratas, conservaren as rexións de Apulia e Toscana, onde as sondaxes apuntaban unha posíbel vitoria da dereita nas eleccións rexionais. Os grillini ─así coñecidos polo cofundador do M5S en 2009, o cómico Beppe Grillo─, apuntárense o triunfo, un dos poucos dos últimos tempos, do 'Si' no referendo para recortar nun terzo o número de parlamentarios. Con case 70% dos votos favorábeis, Italia pasará dos 945 actuais aos 600 da vindeira lexislatura (de 630 a 400 deputados e de 315 a 200 senadores).

Pola súa banda, a coalición de dereitas liderada pola Liga de Matteo Salvini, ex vicepresidente do Goberno, malia conseguir gañar en tres rexións das seis en xogo, fallou no seu principal obxectivo ─ao igual que en xaneiro na Emilia-Romaña─. Isto é, impoñerse nun feudo histórico da esquerda, a importante rexión da Toscana.

A coalición de Salvini mantivo as do Véneto e Liguria e conseguiu arrebatar á esquerda a das Marcas. Tamén sería a formación máis votada nunha sétima rexión, o Val d’Aosta, que conta cun sistema electoral de seu e onde o escrutinio aínda non rematou. Sería a 15ª rexión italiana onde goberne a dereita. En calquera caso, ten asegurado o poder en 14 das 20 en que se divide o territorio administrativo italiano.

Nas Marchas, o triunfo chegou da man de Fratelli d'Italia ("Irmáns de Italia", FdI). A presidenta desta formación política de extrema dereita, Giorgia Meloni, sinalou en Rai Radio 1: "Estou moi contenta de que grazas aos FdI o centro-dereita arrebatase outra rexión, tamén considerada un baluarte, á esquerda [...] Non se agardaba, e os resultados da lista de FdI son obxectivamente excelentes".

Un ano fóra do Goberno

Non obstante, a derrota da coalición na Toscana ten un maior peso no que á política estatal se refire, especialmente porque ao igual que aconteceu coa Emilia-Romaña, o obxectivo de Salvini para regresar con forza a Roma pasaba por vencer nestas dúas rexións, gobernadas pola esquerda desde a Segunda Guerra Mundial.

Salvini tenta, sen éxito, recuperarse da mala estratexia política que o apartou do Goberno hai pouco máis dun ano. Sendo ministro do Interior e compartindo a vicepresidencia co daquela socio de coalición, o M5S, quixo forzar unhas eleccións anticipadas en previsión de que así afianzaría o seu poder. Moi ao contrario, as negociacións políticas do M5S co PD ─até o daquela, rivais acérrimos─ levaron á conformación dun novo Executivo.

Como candidata para a Toscana, Salvini elixiu a Susanna Ceccardi, alcaldesa dunha pequena localidade da rexión até que en maio do ano pasado foi nas listas, e elixida, europarlamentaria. De 33 anos, está ─ou estaba─ considerada unha estrela ascendente na Liga.  Durante a campaña electoral, Salvini rebaixou o seu duro discurso antiinmigración co fin de atraer un maior número de votantes neste territorio chave. 

Porén, os votantes apostaron por anovar a confianza no presidente rexional desde 2015, Eugenio Giani (PD), moderado e caracterizado por incidir nas políticas sociais. O PD impúxose tamén noutras dúas importantes rexións do país, Campania e Puglia.

Terceiro mandato de Zaia

O popular Luca Zaia, da Liga, foi elixido presidente rexional do Véneto por terceira vez, cunha ampla maioría. A xestión da pandemia, coa rápida e masiva introdución de PCR e tests serolóxicos, previu un colapso do sistema sanitario como o acontecido na veciña Lombardía. Malia insistir en que a política rexional é o seu obxectivo último, os analistas políticos colocan a Zaia como posíbel rival de Salvini para o liderado da Liga.

E en Liguria, a reconstrución da ponte Morandi, en Xénova, caída en 2018 causando a morte de 43 persoas, tivo un importante peso na reelección de Giovanni Toti.

Na votación nas sete rexións ─que se desenvolveu en dous días, domingo e segunda feira, como precaución sanitaria─, ademais dos presidentes rexionais tamén se elixían os alcaldes dun milleiro de cidades. E a nivel de todo o Estado, tamén se votaba en referendo a redución de parlamentarios, unha proposta con ampla aceptación entre todo o arco parlamentario, orixinalmente impulsada pola dereita. 

Segundo os últimos datos, na rexión do Véneto, a dereita gañou con 77% dos votos; en Liguria, con 56%; e nas Marchas con 49%. O PD impúxose en Campania con 70% dos sufraxios; en Puglia con 47%; e na Toscana con 49%.

Críticas á redución de parlamentarios

Entre as censuras á redución de parlamentarios, cualificada como populista por algúns sectores, está que diluirá o peso da xa subrepresentada e importante cidadanía italiana no exterior. Un dos máis críticos coa decisión do PD de apoiar o 'Si' no referendo foi o escritor Roberto Saviano: "Antes falábase da hexemonía cultural, hoxe estamos na era da hexemonía do superficial".

Comentarios