Un teletipo de France Press ao fío das 17.15 horas informou de que os irmáns Kouachi -aos que se atribúe a autoría do masacre do Charlie Hebdo- foron mortos ao culminar ao operación de asalto por parte das forzas de elite da policía francesa á imprensa na que se agachara ao norte de París. O ataque permitiu tamén a liberación da persoa que os presuntos jihadistas -distintas fontes sitúanos na órbita de Al Qaeda- mantiñan como refén.
Case ao mesmo tempo, produciuse o asalto á tenda kosher (estabelecimento en que se preparan os alimentos de acordo coas regras da relixión hebrea) en que se mantiña atrincheirado o principal sospeitoso de ser o autor do atentado que, na mañá posterior ao masacre do Charlie Hebdo, acabou coa vida dunha policía local en París.
Por volta das 17.34, Le Monde informou de que este último asalto tamén acabou coa vida do presunto jihadista -de nome Amady Coulibaly- ao que algunhas fontes policiais vinculan cos irmáns Kouachi, como membros da mesma célula.
Hayat Boumedienne, en busca e captura
Fontes policiais din que Coulibaly ameazou con executar reféns en caso de que os comandos especiais acabasen coa vida dos irmáns Kouachi. Non puido consumar a ameaza, pois os asaltos á imprensa e á loxa kosher foron praticamente simultáneos.
Minutos despois de trascender a noticia da morte de Coulibaly, a policía informou que 4 reféns perderon tamén a vida.
A policía cre que Coulibay non actuou só no atentado contra a policía local, acción que tamén atribúe a unha moza, identificada como Hayat Boumedienne, de 26 anos, que estaría neste momento en busca e captura.
O refén que non era tal
Paseniñamente, vanse esclarecendo os feitos. A esta altura xa se sabe que en realidade os irmáns Kouachi non fixeron ningún refén na imprensa gráfica na que agacharon. Si que había unha persoa, mais estaba nun soto, e os presuntos jihadistas ignoraban a súa presenza.
Os dous asaltos realizáronos de forma simultánea grupos de elite franceses. Na operación que tiña como albos os Kouchis un axente foi ferido. O refén que non era tal puido comunicarse vía telemóvel con seu pai.