Concentración na Coruña esta cuarta feira

Open Arms pide a Sánchez que denuncie Italia por impedir o desembarco das 151 refuxiadas

As 151 persoas inmigrantes resgatadas continúan sen rumo certo, co goberno italiano a negarlles acceso aos seus portos. Após as críticas do ministro de Fomento en funcións á ONG Open Arms, o seu fundador, Óscar Camps, evita entrar no corpo a corpo co Goberno Sánchez e opta por lle pedir que denuncie Italia perante o Tribunal Internacional do Dereito do Mar.
oscar camps
photo_camera Óscar Camps, fundador de Open Arms

O ministro Ábalos deixou caer que Open Arms non ten pedido a Madrid autorización para desembarcar nun porto español. Camps responde que non o fixeron porque suporía cinco días de navegación máis para unha tripulación exhausta e cada día en peores condicións sanitarias. A solución ten de pasar por que Roma se vexa obrigada polos seus parceiros europeus a dar luz verde á arribada do barco da ONG a unha das súas dársenas, argumenta Camps.

O fundador da ONG argúe que non só está en xogo a integridade física das 151 persoas resgatadas a bordo do Open Arms: idéntica situación atravesan as 357 que navegan na embarcación Ocean Viking de Médicos sen Fronteiras.

Ambas naves estarían a sufrir "un secuestro en medio do mar", conclúe.

Concentración na Coruña

De por parte, garantir acceso do Open Arms e o Ocean Viking a un "porto seguro" é o que van pedir esta cuarta feira na Coruña (20 h, ante a subdelegación de goberno) unha ducia de entidades baixo a convocatoria do Foro Galego de Inmigración. Son A.C. Alexandre Bóveda, Aire, Anova, BNG, CC.OO., Coruña contra a Guerra, Esquerda Unida, Fotos contra a Guerra, Marcha Mundial pola Paz e a nonviolencia, Marea Atlántica, Mundo sen Guerras e sen Violencia, Podemos, Oxfam Intermón, Sos Racismo Galicia, UXT e Vangarda Obreira.

Convocantes son especialmente críticas co goberno español, ao que ven cúmplice do ultra Salvini e ao que acusan de se desentender dun navío, o Open Arms, en que ondea a "bandeira española"

Comentarios