A ONU e a Unesco recoñecen Fidel como símbolo de solidariedade

O pobo cubano suma o seu segundo día de dó nacional decretado polo Consello de Estado en homenaxe ao líder histórico da Revolución Cubana, Fidel Castro. O mesmo día en que estudantes da Universidade da Habana se reunían para destacar a figura de Fidel, a ONU recoñecíao expresamente como símbolo da solidariedade mundial.

[Imaxe: Cubate] Estudantes homenaxearon Fidel
photo_camera [Imaxe: Cubate] Estudantes homenaxearon Fidel

A ONU destacou este sábado os logros de Cuba en saúde pública, educación, ciencia e outras áreas sociais, froito do proceso de Revolución encetada por Fidel. Na súa homenaxe de condolencia, as Nacións Unidas afirmaron que o dirixente cubano será lembrado polo “seu liderado nacional e internacional”.

O secretario xeral da ONU, Ban ki moon, cualificou Fidel como “figura emblemática da Revolución Cubana, de gran prominencia en América Latina e influencia nos asuntos mundiais”. Fixo tamén mención á loita contra o alfabetismo.

A directora xeral da Unesco di que "grazas aos esforzos de Fidel Castro Ruz, Cuba constitúe un exemplo mundial en materia de solidariedade e cooperación"

Aliás, a directora xeral da Unesco, Irina Bokova, puxo de manifesto que Fidel é un símbolo da solidariedade mundial, “grazas aos esforzos de Fidel Castro Ruz, Cuba constitúe un exemplo mundial en materia de solidariedade e cooperación”. Engadiu que foi defensor incansábel das persoas desherdadas e da educación como aspecto chave para o crecemento cultural, social e humano dos pobos.

“A súa concepción sitúa a formación do home nun proceso continuo e complexo, que ten en conta as particularidades de cada individuo, consolidando o mellor deste, o esencial para o desenvolvemento de si mesmo e da sociedade”, engadiu.

Homenaxes

Na emblemática escalinata do centro da Universidade da Habana, estudantes reuníronse para homenaxear Fidel no lugar en que, aseguran, se fixo revolucionario. Esta foi só unha das tantas mostras de agarimo que recibiu nas últimas horas o líder da Revolución Cubana, que este sábado foi recoñecido como símbolo da solidariedade mundial.

Para a segunda e terza feira espérase que en cada localidade da illa teña lugar unha homenaxe, así como a sinatura dun xuramento de cumprimento do concepto de Revolución, expresado por Fidel en maio de 2000. Aliás, o Memorial José Martí será outro dos puntos centrais da lembranza. O día 29 a Praza da Revolución José Martí acollerá un acto de masas.

A partir do día 30 e até o día 3 de decembro as cinzas de Fidel percorrerán o itinerario que rememora a Caravana da Liberdade de 1959 até a provincia de Santiago de Cuba. O día 3 será a quenda do acto de masas na Praza Antonio Maceo. A cerimonia de inhumación desenvolverase o 4 de decembro no cemiterio de Santa Ifigenia.

Comentarios