A ONU respalda a apertura do diálogo con Catalunya malia o rexeitamento da dereita

O secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, o portugués Antonio Guterres, evitou un pronunciamento expreso ao conflito catalán pero amosou o sentir da institución á que representa para a lectura entre liñas: “A creación de condicións para o diálogo é importante”.

O secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, visitou Madrid. (Foto: Antonio Martínez Vélez / Europa Press) #onu #cataluña #catalunya #gobernoespañol #procés #nación #soberanismo #antonioguterres
photo_camera O secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, visitou Madrid. (Foto: Antonio Martínez Vélez / Europa Press)

A ONU apoia, aínda que nun segundo plano, a apertura dun proceso de negociación entre o Goberno do Estado español e Catalunya.

Así o deixou ver na sexta feira o secretario xeral do organismo, António Guterres, que compareceu con Pedro Sánchez após unha reunión. Desta forma tan simple amosou ese respaldo ao diálogo en Catalunya fronte á oposición do bloque político de dereitas.

Se ben Guterres non quixo facer alusións directas ao proceso, pero despois de ser preguntado ao respecto reflexionou: “Non é propio comentar cuestións de política interna para un secretario xeral. Pero, en termos xerais, hai un principio global”.

“Todos os problemas teñen que solucionarse coa política. O diálogo é un instrumento fundamental”, continuou.

Aliás, para falar do procés, dos indultos e do futuro de Catalunya hai que fornecer “condicións” para esa conversa na que se acheguen puntos de vista.

“A creación de condicións para que o diálogo poida frutificar é sempre algo moi importante nas nosas sociedades”, insistiu o representante da ONU.

Na mesma comparecencia, Sánchez descartou de forma rotunda -polo menos, por agora- un referendo de autodeterminación, sexa vinculante ou non, ou calquera tipo de consulta cidadá que sexa “divisiva”.

Comentarios