A ONU pide vacinas para Corea do Norte

O país mantense fechado por medo á Covid, coa poboación sen inocular.
EuropaPress_3648046_kim_jong_participa_homenaje_pyongyang
photo_camera Kim Jong Un participa nunha homenaxe en Pyongyang, en abril de 2021 (Foto: Chao Zhongshe / Xinhua)

O relator especial de Nacións Unidas sobre a situación dos dereitos humanos en Corea do Norte, Tomás Ojea Quintana, pediu onte que a comunidade internacional envíe 60 millóns de doses da vacina contra a Covid-19 a Corea do Norte para axudala "a saír do illamento". Tamén, que se relaxen as sancións que pesan sobre o país ante a ameaza de falta de alimentos.

O chamamento produciuse no marco das preocupacións por que a aparente negativa de Pyongyang a relacionarse co mundo exterior, debido á pandemia, empeorará os seus problemas económicos e as condicións de dereitos humanos, ademais de obstaculizar a diplomacia nuclear.

Nunha conferencia de prensa desde a capital surcoreana, Seúl, Ojea detallou que as doses cubrirían polo menos dúas inxeccións por cidadán norcoreano. Neste sentido, insistiu en que a provisión de vacinas proposta é "a chave" para abrir as fronteiras norcoreanas, segundo recolleu a axencia de noticia surcoreana Yonhap.

Temor a condicionantes

Segundo o relator da ONU, Corea do Norte parece rexeitar as vacinas asignadas ao país a través do mecanismo Covax. Segundo indicou, as autoridades norcoreanas temen enfrontarse a "algún tipo de presión" por parte do exterior. É dicir, sospeitan que poderían recibir soamente unha cantidade parcial das vacinas e despois estaren suxeitos a algún tipo de condicionante para recibir o resto.

Corea do Norte sostén que non rexistra ningún caso da Covid-19. Aínda que non comezou coa campaña de vacinación, empregou estritos controis fronteirizos no que semella ser un sinal de cautela pola pandemia. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) Corea do Norte efectuara en 2020, primeiro ano da pandemia, 13.259 tes da Covid-19, que devolveu todos negativos.

Comentarios