EUA e os seus aliados europeos rexeitan condenar os crimes de guerra de Israel

Os EUA e a Unión Europea non apoiaron a resolución de condena aprobada pola Comisión de Dereitos Humanos da ONU. Israel tíldaa de "farsa" e di que "alenta o terrorismo".

Carlos Latuff
photo_camera Carlos Latuff

O Consello de Dereitos Humanos da ONU acordou este 23 de xullo iniciar unha investigación por crimes de guerra na Faixa de Gaza. A alta comisionada das Nacións Unidas neste eido, Navi Pillay, xa amosara ao longo da xornada de onte un posicionamento moi crítico con Israel, unha actitude que contrastou coa equidistancia mantida pola organización internacional ao longo de dezasete días de bombardeos. 

"A lei humanitaria internacional ten sido violada até un alcance que podería constituír crimes de guerra", sinalou Pillay. Unha opinión partillada por boa parte d@s 47 representantes que compoñen a Comisión. Neste senso, 29 países votaron favorabelmente á resolución de condena a Israel e pola que se constitúe un órgao independente e internacional para a investigación das posíbeis violacións do dereito internacional que se están a producir en Gaza. 

No texto acordade condénase a "masiva operación militar [...] que implicou ataques desproporcionados e indiscriminados, e resultou en graves violacións dos dereitos humanos da poboación civil palestina". Asemade, tilda a "agresión" como "só a última dunha serie" que abrangue, tamén, "o cerco masivo, arrestos e asasinato de civís na Cisxordania ocupada". 

Alxeria, Arxentina, Austria, Brasil, Chile, China, Congo, Costa Rica, Costa de Marfil, Cuba, Etiopía, India, Indonesia, Kazajistán, Kenia, Kuwait, Maldivas, Mexico, Marrocos, Namibia, Pakistán, Perú, Filipinas, Rusia, Arabia Saudí, Serra Leona, Suráfrica, Emiratos Árabes, Venezuela e Viet Nam, apoiaron a resolución. Entrementres, a maior parte dos Estados membros da UE abstivéronse. Austria, República Checa, Estonia, Francia, Alemaña, Irlanda, Italia, Reino Unido e Romanía declinaron amosar o seu apoio ao pobo palestiniano e condenar os ataques israelitas xunto a Benin, Botswana, Burkina Faso, Gabon, Xapón, Montenegro, Corea do Sur e Macedonia. 

Os EUA foron o único país que rexeitaron a proposta de resolución achegada pola alta comisionada de Dereitos Humanos. Na súa intervención o portavoz da administración estadounidense nen sequera se referiou aos asasinatos cometidos polo exército israelita e que deitan máis de 700 vítimas --na súa maioría civís e crianzas. En troca, condenou as "agresións terroristas" que atribúe a Hamas e defendeu o dereito á lexítima defensa de Tel Aviv. 

Israel di que as Nacións Unidas "alentan o terrorismo" con resolucións como a aprobada pola Comisión de Dereitos Humanos

Unha idea que desacredita o dereito internacional ao basear o exercicio dese dereito no principio de proporcionalidade, algo que non se está a aplicar en Palestina. Antes da votación os EUA tamén se opuxeron á creación dunha comisión de investigación para determinar se se produciron crimes de lesa humanidade, crimes de guerra e demais violacións do ordenamento xurídico internacional no marco da operación militar 'Bordo Protector'. 

Tel Aviv di que a "xente decente" debe rexeitar a resolución da ONU

Para Israel a medida adoptada pola Comisión de Dereitos Humanos constitúe unha "farsa" que, din, "debe ser rexeitada por toda a xente decente", afirmou nun comunicado de imprensa o primeiro ministro, Benjamin Netanyahu ao fío da decisión da ONU. Segundo Netanyahu "en troca de investigar a Hamas" que ao seu entender, comete "un dobre crime de guerra por disparar cohetes contra civís israelitas e escudarse en civís palestinos" o Consello pide investigar o seu goberno. 

O goberno sionista asegura ter adoptado todas as precaucións "para non causar ningún dano a civís" como "lanzar panfletos de advertencia, facer chamadas telefóncias" e mesmo "enviar SMS" á poboación gazatí que, no entanto, non ten cara á onde fuxir habida conta do bloque da Faixa. 

Embora a decisión das Nacións Unidas condenar a súa actuación, Israel afirma que continuará adiante coa ofensiva mentres, dixo Netanyahu, "vostedes" continúan "alentando o terrorismo". 

Comentarios