Máis de 2.000 civís morreron na guerra de Ucraína, segundo a ONU

Esta segunda feira Ucraína informou da morte de sete persoas en Lviv, nun ataque que Rusia afirma ter dirixido contra un "cargamento de armas procedente dos EUA e Europa".
Bombeiros apartan os cascallos dun edificio derruído tras o impacto dun mísil na cidade ucraína de Lviv, esta segunda feira. (Foto Valeria Ferraro / ZUMA Press Wire / DPA)
photo_camera Bombeiros apartan os cascallos dun edificio derruído tras o impacto dun mísil na cidade ucraína de Lviv, esta segunda feira. (Foto Valeria Ferraro / ZUMA Press Wire / DPA)

Máis de 2.000 civís perderon a vida en Ucraína desde o inicio da invasión rusa o pasado 24 de febreiro, segundo estimacións publicadas esta segunda feira polo Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos.

En concreto, Nacións Unidas confirmou a morte de 2.072 persoas, dos cales 537 son homes; 327, mulleres; 38, nenas, e 60, nenos. Aínda non se puido identificar as restantes vítimas. Aliás, outras 2.818 resultaron feridas.

653 das mortes producíronse, segundo a ONU, nos territorios do Donbass controlados polo Goberno de Ucraína, onde hai outras 1.059 persoas feridas.

Nas zonas baixo dominio das repúblicas populares de Donetsk e Luhansk, pola súa parte, serían 79 vítimas mortais e 312 feridas de diferente gravidade. Asemade, 1.340 persoas morreron e outras 1.447 resultaron feridas nas demais áreas do país.

Porén, a ONU incide en que a cifra real dista da oficial e sería "moi superior", ao tempo que admite que no seu informa desta segunda feira "hai zonas das que apenas se coñecen datos", como Mariupol.

Ataques en Lviv

Noutra orde, segundo recolle a axencia de noticias Unian, as autoridades locais informaron esta segunda feira da morte de "cando menos sete persoas" en Lviv, como consecuencia dunha serie de "ataques con mísis", alén doutros oito feridos.

Precisamente neste cidade afirma o Ministerio de Defensa ruso ter destruído un "cargamento de armas procedente dos EUA e Europa". O portavoz do Ministerio, Igor Konashenkov, asegurou que até o momento Rusia destruíu 331 instalacións militares ucraínas.

Comentarios