Os plans actuais dos Estados impiden limitar a 1,5ºC o quecemento global

Ás portas da cimeira da COP27 (Conferencia das Partes das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático) en Exipto o próximo 6 de novembro, a ONU fixo esta cuarta feira pública unha análise do impacto dos plans actuais contra o cambio climático, desvelando que o mundo está moi lonxe de parar o quecemento global.
Fincas inundadas esta terza feira en Moree, no sueste de Australia, un dos lugares máis afectados polo cambio climático no país. (Foto: AAPIMAGE / DPA)
photo_camera Fincas inundadas esta terza feira en Moree, no sueste de Australia, un dos lugares máis afectados polo cambio climático no país. (Foto: AAPIMAGE / DPA)

“Aínda non estamos perto do ritmo de redución de emisións necesario para pórnos no camiño cara a un mundo de 1,5 graos centígrados máis”, concluíu esta cuarta feira Simon Stiell, secretario executivo da ONU para o Cambio Climático, na presentación dun informe que debulla a situación actual após avaliar os plans climáticos dos Gobernos.

O aumento de 1,5ºC no planeta desde o comezo da era industrial até finais deste século foi un dos acordos da Conferencia das Partes das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático de París en 2015, que trataba de estabelecer un limiar antes da deterioración crítica do clima. A estas alturas, a alza na temperatura xa alcanzou 1,2ºC, e cos programas actuais chegaría a 2,5ºC en 2100.

Unha das chaves para abordar este obxectivo era unha redución de 43% nas emisións de gases de efecto invernadoiro en 2030, tomando como referencia as emisións de 2010. Cos datos ofrecidos pola ONU atinxir esta meta é practicamente imposíbel, ao resolver que, cos compromisos actuais trasladados por 193 Executivos do mundo, estas emisións aumentarán 10,6% ao final desta década.

Así e todo, isto supón unha mellora ao comparala coa avaliación de 2021, cando a estimación de incremento de emisións en 2030 quedara en 13,7%.

Só 24 Estados respectaron o pactado na COP26

O responsábel da ONU para o cambio climático lembrou que na COP26 que decorreu o pasado ano en Glasgow (Escocia), todos os países “acordaron reforzar os seus plans climáticos”.

Porén, apenas 24 Estados cumpriron e remitiron desde o final da xuntanza plans climáticos novos ou actualizados, o que Stiell considerou “unha decepción”, reclamando seriedade na toma dunhas decisións que teñen que reflectir “o nivel de urxencia, a gravidade das ameazas ás que nos enfrontamos e a escaseza de tempo que nos queda para evitar as devastadoras consecuencias do cambio climático desbocado”.

Amais, entre estes Estados cunha “maior ambición para afrontar o cambio climático” só hai dous grandes emisores destes gases, India e Indonesia, mentres que o resto corresponde a territorios con niveis moi inferiores, como Bolivia ou Uganda.

É o intre de actuar, reiterou Stiell, que incidiu en que o informe determina que “moitos obxectivos de cero emisións seguen sendo incertos e aprázanse para unha futura acción crítica que debe levarse a cabo agora”.

Estas conclusións coñécense ao pouco de comezar a COP27, que se desenvolverá do 6 ao 18 de novembro en Exipto e que suporá “o momento decisivo no mundo da acción climática”, subliñou o ministro exipcio de Exteriores e presidente designado da reunión, Sameh Shoukry. Mentres, a ONU ratifica que é hora de facer avances “na transformación masiva que debe producirse en todos os sectores da sociedade para encarar a emerxencia climática”.

A pesar de que o aumento global de temperatura é de 1,2ºC, en países como Australia xa superaron 1,5ºC, co que descenderon os períodos entre episodios climáticos extremos, sufrindo este ano as peores inundacións do último medio século, cunha especial incidencia no sueste. Outro tanto aconteceu en Paquistán, que sufriu danos por valor de 30.000 millóns de euros, ou está a ocorrer estes días en África Occidental, onde xa hai cinco millóns de persoas damnificadas.

30% dos ríos están moi degradados

Un estudo liderado pola Universidade de Coimbra e no que participaron 30 persoas investigadoras de todo o mundo revelou esta cuarta feira que até 30% dos ecosistemas dos ríos están “severamente degradados”, mentres que os que se consideran de boa calidade biolóxica non chegan á metade dos cursos de auga.

No traballo, centrado especialmente nos ríos do hemisferio sur por ser os menos estudados, constátase a “perda de biodiversidade nas augas doces, ben pola alteración na distribución das especies” ou polo aumento de especies invasoras, sinalou Maria João Feio, líder da investigación, á axencia Lusa.

 

Comentarios