A ONU denuncia o "asasinato" de activistas pola Policía de Filipinas

No marco da campaña do presidente filipino, Rodrigo Duterte, contra "comunistas e terroristas".
policia_filipinas
photo_camera Axentes da Policía de Filipinas nun operativo en Metro Manila (Foto: Sherbien Dacalanio / Zuma Press)

A Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos (OHCHR, en inglés) manifestou onte a súa "consternación" polos "asasinatos arbitrarios" de nove activistas cometidos pola Policía e o Exército de Filipinas en diferentes operativos simultáneos levados a cabo en varias rexións do país.

A portavoz da oficina Ravina Shamdasani manifestou que a OHCHR tiña información de que se produciran estas supostas execucións arredor das 3.15 horas do domingo tras un operativo policial simultáneo nas provincias de Batangas, Cavite, Laguna e Rizal. Oito homes e unha muller perderon a vida nesta acción policial, que se desenvolveu poucas horas despois de o presidente filipino, Rodrigo Duterte, ordenar ás forzas de seguridade "matar" e "liquidar" todos os rebeldes comunistas no país.

"Estamos fondamente preocupados de que estas últimas mortes indiquen unha escalada na violencia, na intimidación e no acoso de defensores dos dereitos humanos incluídos en listas negras", sinalou a portavoz da OHCHR. Shamdasani lembrou ademais que Filipinas conta cun amplo historial de utilización de listas negras. 

"Red-tagging" é o termo en inglés usado no país que fai referencia a esta práctica por parte de diversos Gobernos desde a Guerra Fría. As persoas son etiquetadas como "comunistas" ou "terroristas", ou ambas as dúas cousas, independentemente dos seus ideais ou afiliación política.

Varias campañas dentro de Filipinas veñen denunciando esta práctica desde hai anos. 

O Goberno filipino asegurou á OHCHR que o operativo se producira con base en ordes xudiciais e que se enmarcaba na campaña contra a insurxencia do Novo Exército do Pobo (BHB), brazo armado do Partido Comunista das Filipinas, PKP. 

Porén, Shamdasani apuntou que este tipo de ordes xudiciais xa acabaran en matanzas anteriormente, como a acontecida o 30 de decembro, cando morreron nove activistas en defensa do pobo indíxena Tumandok.

Comentarios