Israel prepara proxecto de lei para legalizar asentamentos

ONU demanda o fin da ocupación de Palestina

O  Consello de Seguranza da ONU, en reunión mantida para abordar a situación do Medio Oriente, incluído o tema palestino, advirte que a solución de moitos dos problemas do pobo árabe pasa polo cesamento da ocupación de Palestina iniciada en 1967.

Colonia israelí en Palestina
photo_camera Colonia israelí en Palestina


 

Dúas foron as alertas lanzadas na reunión dos 15 membros do Consello de Seguranza da ONU.

A primeira a do coordinador especial da ONU para o Proceso de Paz do Oriente Medio, Nikolay Mladenov (persoa non grata á FPLP “ polo seu coñecido apoio ao inimigo e os seus intentos de xustificar os crimes contra a nación palestina cando comezou a súa carreira política como primeiro ministro de Bulgaria”) . Segundo Mladenov  a solución de dous Estados independentes para israelís e palestinos “está máis ameazada do que nunca" porque  a "continuidade da situación no territorio palestino ocupado reduce a perspectiva para unha paz xusta e sustentábel entre os dous lados".

A outra proposta veu da man de Stephen O'Brien secretario xeral adxunto para os Asuntos Humanitarios. O´Brien falou perante o Consello da crise humanitaria imperante na bloqueada Franxa de Gaza e en Cisxordania, así como os obstáculos que enfrontan as axencias e o persoal encargado da asistencia, mesmo os funcionarios da ONU que necesitan unha autorización especial para deixar Gaza cando precisan participar de reunións en Xerusalén ou Ramallah.

O representante da ONU explicou que máis da metade das peticións deses pases especiais foron rexeitados polo goberno israelí o mes pasado e algúns dos funcionarios foron requiridos  a non facer nova petición nun prazo dun ano.

O'Brien afirmou que até mesmo a palestinos que sofren dalgún tipo de doenza, xeralmente cancro, e fan tratamento urxente en Israel se lles denegou a autorización.


Axuda Humanitaria

O´Brien sinalou aínda os desafíos das organizacións humanitarias para entregar axuda aos palestinos e afirmou que na Faixa de Gaza, o 70% da poboación de case dous millóns de habitantes,  recibe algunha forma de asistencia internacional, na súa maior parte alimento, mais, a pesar diso, a "capacidade da organización de entregar a comida está cada vez máis restrinxida" pois Israel prohibe ou restrinxe a importación de certos produtos por Gaza sob a alegación de que poden ter "uso dobre" e serviren tanto para fins militares como civís.

Comentarios