xoves 16/09/21

A ONU constata "graves violacións dos dereitos humanos" por parte dos talibán

A resolución do Consello de Dereitos Humanos, presentada por Paquistán, exímeos de condena. Por outra banda, nas últimas horas o movemento islamista decretou que non permitirá acceder á cidadanía afgá ao aeroporto de Kabul.
EuropaPress_3897176_handout_24_august_2021_japan_tokyo_paralympic_volunteer_carrying_the
Un voluntario dos Xogos Paralímpicos, portando a bandeira do Afganistán durante a cerimonia de apertura, onte en Toquio (Foto: Joel Marklund / OIS)

Nacións Unidas conta con informes de "graves violacións" cometidas polos talibán no Afganistán, incluídas execucións sumarias, restricións ás mulleres e represión de protestas cidadás. Así o fixo saber a Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos na reunión desenvolvida onte en Xenebra. Michelle Bachelet asegurou que a súa oficina conta con "informes críbeis e arrepiantes do impacto en civís das violacións do dereito humanitario internacional".

"Execucións sumarias de civís e de forzas afgás fóra de combate"; "restricións aos dereitos das mulleres, incluída a mobilidade e a escolarización das nenas"; "recrutamento de nenos soldado"; e "represión de protestas pacíficas e manifestacións de disidencia". Malia as promesas realizadas e a aparente moderación dos seus líderes, a situación ─denunciou Bachelet─ é moi diferente no Afganistán talibán. 

"Nos talibán reside agora totalmente a responsabilidade de transformar os seus compromisos en realidade", exixiu a Alta Comisionada. E centrándose na situación das mulleres, asegurou que o trato por parte dos talibán será "unha liña vermella", demandando "respecto ao dereito á liberdade, á libre mobilidade, á educación, a expresárense por elas mesmas e ao emprego".

A sesión extraordinaria do Consello de Dereitos Humanos desenvolveuse a instancias do Paquistán, coordinador da Organización para a Cooperación Islámica en dereitos humanos e cuestións humanitarias; e do Afganistán, representado por Nasir Ahmad Andisha, designado polo derrocado Goberno.

O diplomático pediu que as accións dos talibán teñan consecuencias, e cualificou de "incerta e nefasta" a situación no país para moitos dos seus concidadáns. Desde o regreso ao poder o pasado 15 de agosto, as manifestacións públicas do novo Goberno van dirixidas a convencer a poboación de que mudaron e que as brutalidades acontecidas no período 1996-2001 non volverán máis.

Porén, expertos independentes da ONU en dereitos humanos aseguraron nun comunicado que moitas persoas permanecen agochadas dado que "os talibán continúan a rexistrar as casas porta a porta" exercendo represalias e incautándose de propiedades.

Nasir Ahmad Andisha pediu onte en Xenebra, como outras voces antes, un Goberno de concentración con presenza de mulleres e de grupos étnicos minoritarios. Tamén Michelle Bachelet se manifestou na liña do diplomático afgán. A expresidenta de Chile salientou os "avances significativos" das últimas dúas décadas a respecto dos dereitos humanos. Deu algúns datos: en 2021, 27% dos membros do Parlamento e unha quinta parte do funcionariado eran mulleres; ademais, arredor de 3,5 millóns de raparigas ían á escola, en comparación con 1999 cando só había 9.000 na educación primaria e nin unha soa podía ir á secundaria.

Borrador de mínimos

O Paquistán presentou un borrador de resolución, que recolle as preocupacións polas violacións de dereitos humanos, mais non menciona os talibán polo nome. Tampouco inclúe o estabelecemento dunha misión para reunir máis probas destas alegacións, tal e como solicitara Bachelet, que foi instada a informar de novo na reunión prevista para marzo de 2022. 

O borrador foi duramente criticado por Shaharzad Akbar, presidenta da Comisión Independente de Dereitos Humanos do Afganistán, que sinalou que "o menos que esta sesión especial podía facer era mostrar con actos aos afgáns que non se vai mirar para outro lado".

Sen material médico

Por outra banda, a OMS comunicou onte que só ten material suficiente no país centroasiático para unha semana, xa que as entregas de equipos médicos desde o estranxeiro están bloqueadas polas restricións no aeroporto de Kabul.

Á axencia da ONU tamén dixo estar preocupada por que a convulsión actual en Afganistán poida aumentar as infeccións da Covid-19, cun descenso das probas de 77% a semana pasada e unha diminución das vacinas.

Arredor de 95% das instalacións sanitarias do país continúan a funcionar, mais o material esgótase. Ademais, a OMS sinalou que parte do persoal feminino non regresara ao posto de traballo e que algunhas pacientes tiñan medo agora de saír da casa para iren ao médico. 

Biden mantén o 31 de agosto como data límite para saír do Afganistán

O presidente dos EUA, Joe Biden, confirmou onte que a retirada das forzas estadounidenses do Afganistán rematará o 31 de agosto malia as peticións internacionais para estender o prazo ante a imposibilidade de completar as tarefas da evacuación na capital, Kabul, para esa data.

"O presidente Biden decidiu, en consulta co seu equipo de seguridade nacional, cinguirse á data límite do 31 de agosto para retirar as tropas do Afganistán", segundo informou un alto responsábel do Goberno á cadea estadounidense CNN.

Así llelo fixo saber Biden aos líderes do G7 durante a conferencia virtual de onte para tratar o proceso de evacuación.

Na reunión acordouse exixir aos talibán un "paso seguro" para aquelas persoas que queiran abandonar o país máis aló do 31 de agosto. As potencias occidentais contan con "considerábeis" mecanismos "económicos, diplomáticos e políticos" para apoiar esa exixencia, asegurou o primeiro ministro do Reino Unido e presidente do G7, Boris Johnson, un dos primeiros gobernos en pedir o adiamento da evacuación.

Aeroporto fechado para os afgáns 

Precisamente a cuestión da data final da saída das tropas dos EUA e da OTAN é a que se baralla como tema principal da reunión secreta que William J. Burns, director da CIA ─a axencia de intelixencia estadounidense─ mantivo na segunda feira en Kabul con Abdul Ghani Baradar, considerado líder dos talibán.

O xornal The Washington Post publicaba onte a primicia do encontro, que sería o primeiro de alto nivel entre as dúas partes despois da toma de poder por en Kabul e no resto do país por parte da organización islamista.

Os talibán anunciaron onte que xa non permitirán o paso da cidadanía afgá cara ao aeroporto de Kabul, e pediron a quen estea nas inmediacións que o abandonen e marchen para a casa.

comentarios