A ONU carga contra a "indiferenza letal" da UE cara á migración no Mediterráneo

A falta de protección dos dereitos humanos dos inmigrantes que atravesan o Mediterráneo tentando chegar a Europa é culpa en boa medida da política da Unión Europea ao respecto, segundo un informe publicado onte pola Oficina da Alta Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (Acnudh), Michelle Bachelet. 
migrantes-mediterraneo-acnudh
photo_camera Bote con migrantes e refuxiados, a 25 quilómetros da costa de Libia, en ruta cara ao continente europeo (Foto: Massimo Sestini / Acnudh)

A alta representante da ONU solicitou á UE e aos Estados membros, así como ao Goberno de Unidade Nacional libio, unha "reforma urxente" das políticas de busca e rescate no Mediterráneo central que "con demasiada frecuencia rouban aos migrantes as súas vidas, a súa dignidade e os seus dereitos fundamentais".

"A traxedia real é que moito do sufrimento e morte ao longo do Mediterráneo central pódese previr", sentenciou Bachelet. "Cada ano, afogan persoas porque a axuda chega demasiado tarde, ou nunca chega. Aqueles que son rescatados ás veces son forzados a agardar durante días ou semanas para ser desembarcados con seguridade ou, tal e como está a suceder cada vez máis, son devoltos a Libia que, tal e como foi salientado en innumerábeis ocasións, non é un porto seguro debido ao ciclo de violencia", engadiu.

Segundo recolle o informe, dispoñíbel na web da Acnudh, as probas evidencian que a falta de protección dos dereitos humanos dos migrantes "non é unha tráxica anomalía, senón unha consecuencia de prácticas e decisións políticas concretas das autoridades libias, das institucións da UE e dos seus Estados membros e doutros actores [...]". 

Obstrución a ONG

O informe, que cobre o período desde xaneiro de 2019 a decembro de 2020, recolle con preocupación que a UE e os Estados membros recortaron significativamente as operacións de busca e rescate, ao tempo que se obstruíu o traballo de salvavidas das ONG humanitarias. A maiores, apunta, cada vez máis as embarcacións comerciais privadas evitan ir en axuda dos migrantes en perigo debido aos atrasos na concesión dos permisos para desembarcar nun porto seguro.

Malia as peticións da UE ao servizo de gardacostas libio para que asuma maior responsabilidade nas operacións de rescate en augas internacionais, estas estanse a producir sen respecto polos dereitos humanos, denuncia Acnudh. As interceptacións aumentaron: en 2020, 10.352 persoas foron detidas e devoltas a Libia, por 8.403 en 2019.

Neste sentido, o informe pide á UE que se asegure de que todos os acordos e medidas de cooperación a respecto da migración atenden ás súas obrigas co dereito internacional. "Toda coordinación da UE coas autoridades libias sobre busca e rescate debería estar condicionada á garantía de que os migrantes rescatados ou interceptados no mar non serán desembarcados en Libia e que será designado un porto seguro", apunta.

Corentenas no mar

Malia o descenso dos últimos anos no número de migrantes que chegan a Europa a través da ruta do Mediterráneo central, "centos de persoas continúan a morrer; polo menos 632 no que vai de 2021".

E para os que son rescatados, de acordo co informe, os atrasos en ser desembarcados nun lugar seguro "causaron un sufrimento adicional, cos migrantes durante días ou semanas a bordo de embarcacións mal acondicionadas para albergar persoas durante longos períodos de tempo". Situación que se agudizou en 2020 como consecuencia da pandemia da Covid-19, con algúns migrantes forzados a realizar a corentena no mar. 

"Axuda entre Estados"

"Estamos de acordo en que ninguén se debería sentir compelido a arriscar a súa vida ou a das súas familias en botes non aptos para navegar á procura de seguridade e dignidade. Mais a resposta non pode ser simplemente previr as saídas de Libia ou facer as viaxes máis desesperadas e perigosas", manifestou Michelle Bachelet.

"Até que haxa canles de migración regulares, accesíbeis e suficientemente seguras, a xente continuará tentando cruzar o Mediterráneo central, sen importar os perigos e as consecuencias", engadiu. 

"Urxo aos Estados membros da UE a mostrar solidariedade para asegurar que os países fronteirizos, como Malta e Italia, non soporten sobre as súas costas unha responsabilidade desproporcionada", pediu unha Bachelet preocupada polo que cualificou "esta indiferenza letal por persoas desesperadas". 

Comentarios