A Organización Internacional para as Migracións (OIM) e o Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (Acnur) condenaron a "tráxica" morte de polo menos 45 migrantes e refuxiados despois do peor naufraxio rexistrado fronte ás costas de Libia no que vai de ano, e consideraron "urxente" reforzar os labores de busca e rescate no Mediterráneo.
Máis de 300 persoas faleceron en 2020 tentando alcanzar as costas do sur de Europa, aínda que as axencias da ONU advirten de que a cifra sería "moito maior", xa que está baseada unicamente en estimacións e en relatos dos superviventes.
Foi a través destes relatos que se coñeceu a magnitude dun naufraxio ocorrido o 17 de agosto perto de Libia. Un total de 37 migrantes que viaxaban a bordo da embarcación ─na súa maioría do Senegal, Malí, Chad e Ghana─ explicaron que viaxaban canda 45 persoas máis, entre estes cinco pícaros, cando o motor explotou fronte ás costas de Zuara.
Acnur e a OIM instaron os Gobernos a "revisar" a súa actual política, tendo en conta que hai unha "necesidade urxente" de reforzar os traballos de busca e rescate para poder atender a embarcacións en perigo. Sen este reforzo, avisaron, avecíñanse máis "desastres".
A día de hoxe son as ONG as que asumiron a responsabilidade destes rescates ─"un papel crucial para salvar vidas" en opinión das dúas axencias--, polo que desde a ONU confían en que polo menos non se impoñan "restricións legais e loxísticas" ao seu labor.
A pandemia tampouco debería supor unha "escusa" para limitar o acceso de persoas necesitadas de protección internacional, xa que o dereito a solicitar asilo prevalece sobre calquera outra posíbel consideración, subliñaron as dúas axencias, cualificando de "inaceptábeis e que poñen vidas en perigo" os atrancos no desembarco dos barcos.