A ONU alerta de que Al Qaeda e os talibáns continúan a colaborar

Un informe do Equipo de Apoio Analítico e de Supervisión de Sancións asegura que mantiveron reunións periódicas en 2019 e a comezos de 2020 para discutiren sobre temas de cooperación, planificación de operacións e adestramento.
EuropaPress_2822402_reunion_khalilzad_delegacion_taliban_afganos_encabezada_mula_abdul_ghani
photo_camera Foto de arquivo da delegación talibán durante as negociacións en Doha (Europa Press)

Un informe do Equipo de Apoio Analítico e de Supervisión de Sancións da ONU alerta de que a Al Qaeda continúa a gañar forza no Afganistán e a operar no país baixo o amparo dos talibáns. Sería un incumprimento do acordo de paz asinado en Doha entre o movemento integrista islámico e o Goberno dos EUA.

Desde a anterior avaliación, Al Qaeda "está a gañar silenciosamente forza no Afganistán ao tempo que continúa a operar cos talibáns baixo a súa protección", afirma o documento feito público onte. Ademais, sinala que o grupo afgán e Al Qaeda mantiveron reunións periódicas en 2019 e a comezos de 2020 para discutiren sobre temas de cooperación, planificación de operacións e adestramento. 

Tamén, segundo este informe,  para que os talibáns ofrecesen un refuxio seguro a membros de Al Qaeda dentro do Afganistán. "Entre 400 e 600 elementos armados" desta organización estarían no país centroasiático.

Sobre as reunións, cita seis nos últimos 12 meses. A máis importante, a que mantiveron na primavera de 2019, na provincia de Helmand, un alto cargo talibán e Hamza Osama Muhamad bin Laden, dirixente de Al Qaeda e fillo do fundador, Osama bin Laden. Alí, o primeiro teríalle asegurado que o seu grupo non rompería os vínculos históricos coa rede internacional terrorista.

Sete civís mortos

Onte, polo menos sete civís morreron e outros seis resultaron feridos como consecuencia da explosión dunha bomba na provincia de Kunduz, no norte de Afganistán. Todas as vítimas son homes mozos, temporeiros nesta zona con forte presenza talibán e onde xa levaron a cabo varios ataques contra forzas do Goberno.

Comentarios