ONG contra a pobreza critican o acordo fiscal do G7

Provocará "unha transferencia masiva de diñeiro aos países ricos", sosteñen.
EuropaPress_3756670_04_june_2021_united_kingdom_london_uk_chancellor_of_the_exchequer_rishi
photo_camera Ministros de Finanzas do G7, a pasada fin de semana en Londres (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire)

"Non é un trato xusto [...] Beneficiará de maneira abafadora os países ricos e incrementará a desigualdade", sinalaba Oxfam nun comunicado a respecto do acordo alcanzado o pasado sábado polo grupo das sete maiores potencias económicas do mundo (G7).

O pacto estabelece unha taxa global ás multinacionais de polo menos 15% e contempla un mecanismo para que estas empresas, cunha "marxe de beneficios de 10% como mínimo", paguen 20% alí onde operan e non só onde teñen as sedes. 

Os asinantes cualificaron o acordo de "histórico", mais Oxfam sostén que suporá que "miles de millóns de dólares en impostos perdidos nos paraísos fiscais anualmente fluirían cara aos países ricos onde as grandes multinacionais como Amazon ou Pfizer teñen as súas sedes ─independentemente de se as súas vendas e beneficios se fan realmente en nacións en desenvolvemento". 

"O G7 non pode esperar que a maioría dos países acepten as migallas da súa mesa", sostivo. 

Christian Hallum, experto fiscal da ONG internacional, insistía esta segunda feira en declaracións a Reuters que o acordo "sen dúbida abéirase aos ricos e é inxusto cos pobres". Provocará "unha transferencia masiva de diñeiro aos países ricos", que é onde as grandes empresas teñen as sedes.

Reparto dos dereitos fiscais

Nos mesmos termos que Oxfam pronunciáronse tamén onte desde a Rede para a Xustiza Fiscal (Tax Justice Network), coalición internacional independente de expertos e activistas que loitan contra a evasión de impostos, a competencia fiscal e os paraísos fiscais.

ONG e grupos de economistas, como a Comisión Independente para a Reforma Fiscal das Empresas (Icrict, nas siglas en inglés) solicitan desde hai anos un mínimo global de 25%. Nese aspecto incidiu Joseph Stiglitz ─no do 25%─ nunha entrevista onte no medio estadounidense Democracy Now!. O Nobel de Economía sostivo que se trata dun acordo "histórico" mais inadecuado para evitar a evasión fiscal.

O 25% é para Icrict un piares básico da reforma necesaria. Mais antepón outro: o reparto igualitario dos dereitos fiscais. Isto é, un equilibrio entre o lugar onde está a sede e o lugar onde esas compañías producen os beneficios á hora de recadar. Hai unhas semanas o Foro Africano para a Xestión dos Impostos (ATAF), en representación de 38 países do continente, presentou no G20 unha proposta neste sentido.

Do G20, que inclúe potencias económicas como China ou Rusia, agardan os líderes do G7 apoio ao acordo. Xa o teñen da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento (OCDE), que rexeitou os argumentos das ONG. 

Comentarios