A onda represiva continúa tres anos após o 1 de outubro

Quim Torra, saíndo do Parlament, após unha sesión monográfica sobre a súa inhabilitación.
photo_camera Quim Torra, saíndo do Parlament, após unha sesión monográfica sobre a súa inhabilitación (Imaxe: David Zorrakino / Europa Press)

Hai hoxe exactamente tres anos era 1 de outubro de 2017 e cidadás e cidadáns de Catalunya acudían ás urnas para expresarse nun referendo de autodeterminación. Os rexistros e fechamentos de colexios electorais, as incautacións de urnas e as numerosas cargas policiais vividas ao longo de toda a xornada contra un referendo que o Estado español declarara "ilegal" non impediron que se dese unha importante participación (2.286.217 votantes, 43% do censo, segundo os datos oficiais do Govern, sen computar as papeletas incautadas). Mais, alén do resultado, o 1-O marcou un antes e un despois no empuxe social polo dereito a decidir e na vaga represiva do Estado, que deixa aínda na actualidade líderes sociais e políticos no exilio e na cadea. 

O poder xudicial do Estado español prosegue nesa vía e, tres anos despois, inhabilita o president de Catalunya, Quim Torra, ante o rexeitamento de xuristas que claman contra un delito de desobediencia "inconsistente",  como analizaban para Nós Diario. 

Suspender a inhabilitación 

A defensa de Torra presentou un recurso de súplica perante o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya para pedir a suspensión dos efectos da inhabilitación. Para os avogados, a execución da condena non se fixo correctamente e indican que se debe agardar ao pronunciamento do Tribunal Constitucional (TC) respecto do recurso de amparo e as medidas cautelares que antonte presentou Torra. A vindeira terza feira está previsto que o TC estude ese recurso. 

A defensa considerou que se trata da "enésima vulneración manifesta dos dereitos fundamentais do president porque o  Superior de Catalunya resolveu a execución da sentenza do Supremo español e non a súa propia condena contra Torra emitida en decembro do ano pasado". O recurso, de feito, di que "a présa e a precipitación para executar a inhabilitación vulnera dereitos fundamentais como o dereito a unha tutela xudicial efectiva, a un proceso con todas as garantías, ao sufraxio pasivo, a continuar no cargo público para o que foi elixido e o dereito á legalidade penal".

España destinou 42 millóns para os sobresoldos da policía de 'Piolín'

O Goberno español viuse obrigado a revelar os sobresoldos dos efectivos da policía española e da Garda Civil despregados na operación 'Copérnico' coa que se pretendeu impedir o referendo do 1-O e baixo a que actuaron para garantir a aplicación do artigo 155 da Constitución española. Segundo revelou o dixital catalán VilaWeb, estes sobresoldos ascenderon a 42.140.600 euros, dos cales 21.140.600 foron para a policía española e 21.000.000 para a Garda Civil. 

Isto despréndese dun documento do Ministerio de Facenda español que ve a luz, tres anos despois do 1-O, en resposta a unha petición de Òmnium Cultural que, nun principio, foille negada. A previsión inicial, segundo o informe, sería de 66 millóns para a policía e de 68,5 para a benemérita. Porén, os fondos disparáronse ao 'Copérnico' durar máis tempo do previsto.

Comentarios