mércores 08.04.2020

A OMS e os servizos de saúde de varios países, vítimas de ataques informáticos

Nos últimos días, coa expansión do coronavirus por todo o mundo, incrementouse a actividade dos piratas informáticos, que buscan beneficio económico ou simplemente crear confusión e caos. Algúns destes grupos anunciaron unha "tregua" até que a "situación se estabilice".
A OMS e os servizos de saúde de varios países, vítimas de ataques informáticos

A Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriu a principios deste mes un ataque informático levado a cabo por hackers de elite, segundo informou nas últimas horas a axencia de noticias británica Reuters, citando fontes desta axencia das Nacións Unidas.

O responsábel de Seguridade da Información da OMS, Flavio Aggio, sinalou que a identidade destes piratas informáticos non estaba clara, mais que non lograron o seu obxectivo. Aggio advertiu que os intentos de pirataría contra a axencia e os seus socios se dispararon desde que a pandemia se disparou no mundo.

Alexander Urbelis, experto en seguridade cibernética, foi o primeiro en dar a voz de alarma cando constatou que un grupo de hackers que estaba a seguir activara un sitio malicioso que imitaba o sistema de correo electrónico interno da OMS.

"Caín na conta axiña de que se trataba dun ataque en vivo contra a Organización Mundial da Saúde no medio dunha pandemia", dixo Urbelis, que non obstante dixo non saber quen era o responsábel. Outras fontes apuntan a un grupo avanzado de hackers coñecido como DarkHotel, que estivo levando a cabo operacións de ciberespionaxe cando menos desde 2007.

Sanidade española

A nivel local, a Policía Nacional española alertou nesta segunda feira que da ameaza dun virus informático que estaría a atacar os sistemas usados polo personal sanitario. Este virus propagaríase a través de correos electrónicos, enviados de forma masiva ás contas das traballadoras e traballadores sanitarios, informa a axencia de noticias española EFE.

Sanidade francesa

Tamén en Francia, informa L'Express, a Assistance publique-Hôpitaux de Paris, o organismo que xestiona os 39 hospitais públicos da Île-de-France, foi vítima estes domingo, 22 de marzo, dun "breve mais intenso ataque informático". Nomeadamente, produciuse unha "denegación de servizo" ou ataque "DDos" en dous dos seus enderezos de internet. O ataque requiriu cortar, temporalmente, o acceso externo aos correos electrónicos e ás ferramentas de teletraballo.

Sanidade estadounidense

Tamén, nos EUA, o Departamento de Saúde e Servizos Humanos descubriu que piratas informáticos atacaran os seus sistemas o domingo 15 de marzo pola noite. A axencia de noticias Bloomberg, que informou o ataque citando fontes anónimas, dixo que os hackers parecían centrados en atrasar a resposta da axencia á crise e que tentaron xerar confusión con rumores dunha corentena nacional.

Phishing

Ademais, aproveitando a actual pandemia e a preocupación da poboación, que acode a internet para informarse, hackers e ciberdelincuentes puxeron en marcha nas últimas semanas mecanismos para enganar os internautas de todo o mundo mediante o pirateo de dominios con temática relacionada co coronavirus. Neste sentido, cómpre acudir sempre a fontes fiábeis e contrastadas á hora de informarse.

Tregua

En declaracións a Bleeping Computer, algúns dos grupos que se benefician destes ataques anunciaron que os hospitais deixarán de ser o seu obxectivo durante a crise pola pandemia do coronavirus. Algúns afirman que nunca atacaron o persoal sanitario, mentres que outros anunciaron unha especie de "tregua" até que a "situación se estabilice".

comentarios