A OMS distingue a Henrietta Lacks, cuxas células mudaron a medicina

Muller negra vítima do racismo dos EUA da década de 1950.
henrietta_lacks2_oms
photo_camera Lawrence Lacks, fillo de Henrietta, e outros familiares, recibindo o galardón de mans de Tedros, á dereita da imaxe (Foto: OMS)

Henrietta Lacks, a muller negra falecida de cancro cervical en 1951 e cuxas células permitiron unha mudanza radical nas investigacións médicas, foi condecorada postumamente pola OMS. Legado crucial, mais turbio: as mostras biolóxicas foron tomadas sen o seu consentimento.

O director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, salientouno na entrega do premio ao fillo dela, Lawrence Lacks, de 87 anos. "Aproveitáronse de Henrietta Lacks. É unha das moitas mulleres de color cuxos corpos foron explotados pola ciencia", sinalou, salientando que a discriminación racial na atención sanitaria é un problema que perdura hoxe en día en moitas partes do mundo. 

Segundo datos da OMS, o cancro do colo do útero afecta as mulleres negras nunha proporción moito maior que ás brancas. Unha consecuencia directa da desigualdade no acceso á prevención e tratamento de enfermidades, nun século XXI onde cor de pel e falta de recursos aínda van da man. Estudos internacionais rexistran que 19 dos 20 países do mundo con maior afectación de cancro cervical están en África. 

Células "inmortais"

Henrietta Lacks acudiu ao hospital Johns Hopkins de Baltimore para ser atendida desta doenza. Alí, os investigadores tomaron mostras do seu corpo, estabelecendo as chamadas células HeLa (iniciais de Henrietta Lacks): a primeira liña celular "inmortal" da historia. Henrietta Lacks. Isto é, células que conservadas en condicións adecuadas  poden ser divididas un número ilimitado de veces nun cultivo de laboratorio.

Esta liña celular foi chave para desenvolver a vacina da polio ou medicamentos para a sida.

Con este recoñecemento póstumo, desenvolvido na cuarta feira (madrugada galega de onte) na sede da OMS en Xenebra, quíxose paliar o "erro histórico" cometido con Lacks. O organismo da ONU salientou que a comunidade científica global ocultou durante anos a etnicidade e a historia real desta muller.

"A OMS recoñece a importancia de asumir inxustizas científicas do pasado e avanzar na equidade racial na saúde e na ciencia", manifestou Tedros. E engadiu: "Tamén é unha oportunidade para distinguir as mulleres ─particularmente as mulleres de color─ que fixeron incríbeis, mais con frecuencia invisíbeis, contribucións á ciencia médica".

Legado inmortal

O vindeiro 31 de outubro fanse 70 anos da morte de Henrietta Lacks, falecida con só 31 anos.

"Miña nai foi unha pioneira en vida, colaborando coa súa comunidade, axudando outras persoas a ter unha vida mellor e preocupándose pola xente. En morte, continúa a axudar o mundo. O seu legado vive en nós e dámoslle as grazas pronunciando o seu nome: Henrietta Lacks", declarou o seu fillo.

Comentarios