xoves 15/04/21

A OMS di que a orixe do coronavirus require de estudos máis exhaustivos

Presentado o informe final sobre a visita á cidade de Wuhan.
EuropaPress_2670742_24_february_2020_china_wuhan_members_of_the_coronavirus_expert
Membros do equipo da OMS nun hospital da cidade de Wuhan, onde viaxaron a comezos deste ano (TPG / Zuma / dpa)

A Organización Mundial da Saúde (OMS) publicou esta terza feira, 30 de marzo, o seu informe sobre a misión na China para descubrir as orixes do SARS-CoV-2, o coronavirus que causa a Covid-19. Segundo as súas conclusións, o escenario máis probábel é que a transmisión do virus desde os morcegos aos humanos se produciu a través un terceiro animal, en tanto que cualifican a teoría de que escapou dun laboratorio como "extremadamente improbábel"

O equipo chegou o 14 de xaneiro a Wuhan, considerada a cidade epicentro da pandemia. Tras dúas semanas de corentena, visitou lugares como o mercado de mariscos de Huanan, onde se produciu o primeiro grupo de infeccións coñecido, e o Instituto de Viroloxía, onde se investiga con varios tipos de coronavirus.

En declaracións aos Estados membros da OMS, o director xeral, Tedros Adhanom Ghebreyesus, instou a realizar máis estudos para coñecer mellor as orixes do virus. "Permítanme que sexa claro: o que respecta á OMS, todas as hipóteses continúan sobre a mesa", sinalou. 

"Atopar a orixe dun virus leva tempo e debémoslle ao mundo atopar a fonte para podermos tomar medidas colectivamente co fin de reducir o risco de que isto volva ocorrer. Ningunha viaxe de investigación pode proporcionar todas as respostas", engadiu.

Ademais, sinalou que o equipo desprazado á China "manifestou as dificultades que encontraron para acceder aos datos en bruto" dos primeiros casos da Covid, polo que desexou que estudos futuros sexan máis exhaustivos.

Alemaña e Astrazeneca 

Por outra banda, os Gobernos federal e estatais de Alemaña discutían esta terza á noite a posibilidade de recomendar o uso da vacina de AstraZeneca só para persoas maiores de 60 anos. O uso en menores desa idade manteríase "a discreción do médico e coa aceptación do risco individual tras unha explicación detallada", segundo un borrador da Comisión Permanente de Vacinación do Instituto Robert Koch (RKI), organismo médico competente na xestión da pandemia, adiantado polo Augsburger Allgemeine.

Esta Comisión, en declaracións ao xornal FAZ, sostivo que "a recomendación de vacinación debe reaxustarse con base nos informes dos últimos días".

A reavaliación chega despois de que os länder de Berlín e de Brandeburgo, así como a cidade de Munich, anunciase esta terza que suspendían a vacinación con AstraZeneca en menores de 60 anos como medida de precaución. FAZ tamén incluía nesta listaxe a cidade de Colonia, que esta terza estaba a administrar as últimas doses restantes.

Sputnik V en Austria

A respecto da vacinación, na veciña Austria, o ministro de Sanidade, Rudolf Anschober, informou de que están a negociar con Rusia a entrega de máis dun millón de doses da vacina Sputnik V. Austria valora "todas as opcións", dixo, para poder inmunizar a cidadanía o antes posíbel, aínda que recalcou que "todas as vacinas" que se vaian utilizar "deben ser eficaces e seguras".

Austria asinou un acordo de confidencialidade con Rusia sobre o intercambio de documentación. Segundo a información recollida polo diario Der Standard, Viena negocia a entrega de 300.000 doses en abril, 500.000 máis en maio e outras 200.000 a principios de xuño.

A Sputnik V non está aprobada na UE aínda que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) avalía darlle luz verde, condición que o Goberno austríaco estabeleceu para a compra.

comentarios