xoves 16.07.2020

A OMS asegura que a fin da pandemia "aínda está lonxe"

O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, avisou de que, pese a todos os esforzos realizados, o novo coronavirus "ten aínda moito espazo para se mover".
O director xeral da OMS dixo que a identificación temperá é chave (Eskinder Debebe / ONU)
O director xeral da OMS dixo que a identificación temperá é chave (Eskinder Debebe / ONU)

O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, avisou de que a loita contra a COVID-19, a enfermidade que provoca o novo coronavirus, está lonxe de terminar, e instou os países a administrar osíxeno e dexametasona aos pacientes en estado máis crítico.

Nunha conferencia de prensa, Tedros comentou que xa se notificaran dez millóns de casos en todo o mundo e que 500.000 persoas perderan a vida como consecuencia do virus. Así, e coincidindo co sexto aniversario da aparición dos primeiros casos na China, avisou de que, pese a todos os esforzos realizados, o novo coronavirus "ten aínda moito espazo para se mover".

Concienciación

Neste sentido, o dirixente do organismo das Nacións Unidas recordou que, até que apareza unha vacina, os Gobernos deben concienciar a súa cidadanía para protexerse a si mesmos e a súa comunidade a través do cumprimento das medidas de hixiene e distanciamento físico; así como implantar iniciativas que conteñan a propagación do virus, e garantir que os profesionais sanitarios contan con equipos adecuados para a protección individual.

"A identificación temperá e a atención clínica salvan vidas. Hai que proporcionar osíxeno e dexametasona a persoas con enfermidades graves e críticas, así como prestar especial atención aos grupos de alto risco, incluídas as persoas maiores en centros de atención a longo prazo, porque salva vidas. O Xapón fixo isto, xa que ten unha das poboacións máis altas de persoas maiores, mais a súa taxa de mortalidade é baixa", detallou Tedros.

Nova reunión

Unha vez sinalado isto, informou de que esta semana se vai convocar a segunda reunión para avaliar o progreso en investigación e desenvolvemento e avaliar de novo as prioridades de investigación para a próxima etapa da pandemia. "Xa aprendemos moito sobre este virus, mais aínda hai moito que non sabemos, e aínda hai ferramentas que necesitamos", engadiu.

Finalmente, Tedros Adhanom Ghebreyesus fixo un chamamento á unidade nacional e á solidariedade mundial para desenvolver unha estratexia común que permita eliminar o novo coronavirus, salvar vidas e minimizar o impacto social e económico do virus.

comentarios