A OMS advirte do "moi lento" descenso dos casos positivos

"O regreso á vida normal non debe ser rápido" , sinala o director da Organización Mundial da Saúde.
O director da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhanom.
photo_camera O director da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhanom. (Foto: EP).

O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS),  Tedros  Adhanom  Ghebreyesus, advirte de que o descenso de casos de novo coronavirus é "moito máis lento" que a evolución que tivo en todo o mundo a transmisión do virus, polo que pediu aos Estados levantar "lentamente" as medidas que implantaron para contelo.

Nunha rolda de prensa, Tedros lembrou que nalgúns Estados as persoas infectadas pola COVID-19 duplicáronse cada tres ou catro días, aínda que a desaceleración da curva está a producirse dunha forma "moito máis lenta".

"As decisións para levantar as restritivas medidas implantadas para conter o virus deben sustentarse, en primeiro lugar, na protección da saúde humana e, posteriormente, no que se sabe até o de agora do novo coronavirus e de como se comporta", aseverou o director xeral da OMS.

"Polo momento sábese que a COVID-19 se propaga máis facilmente en contornas fechadas, como por exemplo as residencias de anciáns, e que a procura activa e temperá dos casos, a relación de tests, o illamento dos doentes e o seguimento dos contactos son medidas esenciais para deter a transmisión do virus", apuntou.

O problema da COVID-19 nos países da periferia

Con todo, hai zonas do planeta nas que non poden levar a cabo estas medidas como, por exemplo, as máis pobres, xa que moitas persoas viven amoreadas nuns poucos metros cadrados, con escasos recursos e moitas dificultades para accederen aos servizos sanitarios. 

Por iso, o director da Organización Mundial da Saúde subliñou a importancia de que cada Estado avalíe a súa situación á hora de implantar medidas e garantir a protección dos dereitos das persoas, especialmente os das máis vulnerábeis.

"Agora ben, unha vez que comeza a descender a taxa de  contaxios, é necesario ir levantando as restricións –indicou Tedros–, mais este levantamento non debe ser rápido, polo que a OMS fará pública a súa nova estratexia para axudar os países a volver á vida normal".

No documento da organización incídese en que a fase de desescalada se leve a cabo cando a transmisión do virus estea controlada, é dicir, cando o sistema sexa capaz de absorber os novos casos.

Comentarios