O ofensiva israelita malla na poboación palestiniana no leste de Xerusalén

Na cidade vívense intres de máxima tensión após o reforzamento militar israelita na zona. Aliás, Netanyahu anunciou a construción de máis de mil novas colonias. 

Umjornalismosocial.wordpress
photo_camera Xerusalén oriental ao límite con Cisxordania [Umjornalismosocial.wordpress.com]

Após a operación militar lanzada polo Estado de Israel contra a Faixa de Gaza este verán, a calma non chega ao pobo palestiniano. Nos últimos días, a poboación árabe que habita a cidade de Xerusalén --ocupada por Israel en 1967 en contra dos acordos internacionais-- atravesa un dos momentos máis dramáticos. 

E é que logo do asasinato de Mohamad Abu Jedeir, de 16 anos, este mes de xullo, en represalia pola desaparición e asasinato de tres colonos xudeus, a violencia israelita non cesa. Neste senso, 35 colonos instaláronse nas últimas semanas no barrio palestiniano chegando a ocupar a zona das Mesquitas --un espazo de culto para a comunidade musulmá. Aliás, unha crianza palestiniana foi atropelada por un colono nunha estrada de Cisxordania e o domingo 26 de outubro militares israelitas dispararon até causarlle a morte a un mozo palestiniano de nacionalidade estadounidense, que participaba nunha manifestación.
 

35 colonos instaláronse nas últimas semanas no barrio palestiniano chegando a ocupar a zona das Mesquitas --un espazo de culto--

Un cidadán palestiniano-estadounidense
asasinado polo exército de Israel

Arwa Abdel Wahab, de 14 anos, foi abatido polo exército sionista --e segundo o relato do goberno israelita-- por tirar "botellas" contra unha estrada que atravesa Cisxordania para dar acceso ás colonias xudeas construídas nos territorios ocupados. "Os soldados abriron fogo ao consideraren que a vida dos condutores estaba en risco", sinalou un resposábel de imprensa do exército israelita. Con Arwa Abdel Wahab, suman xa 43 @s palestinian@s asasinad@s polas forzas armadas sionistas desde que comezou o ano --e sen contar as persoas mortas durante a operación Alicerce Defensivo. 

Desde a presidencia do Estado de Israel, Benjamin Netanyahu, atribuíu ás forzas políticas palestinianas a morte dun bebé de 3 meses atropelado no barrio de Wadi Jozz, en Xerusalén leste, onde ficaron feridas outras oito persoas. Embora non esclarecerse se o accidente foi premeditado, Netanyahu acusou Mahmud Abbas --presidente da Autoridade Nacional Palestina-- dos "ataques en Xerusalén" pois, dixo, "enxalza e abraza a organización á que pertencen, Hamás". 

O atropelo dunha crianza de 3 meses no barrio de Wadi Jozz, en Xerusalén, foi empregado como excusa por Israel para acusar a Abbas e Hamás dos "ataques" contra a cidade

Este feito serviu de excusa ao goberno sionista para incrementar de maneira notábel a súa presenza militar na cidade de Israel, nomeadamente nos barrios árabes que Netanyahu cualificou como "conflitivos". Porén, os últimos movementos do presidente israelita, entre eles o anuncio da ampliación das colonias no leste de Xerusalén, deixan ver que no centro da súa política contra os territorios ocupados, está á febleza na que se atopa o seu goberno de coligazón. 
 

A crise de goberno no centro da ofensiva 

A situación política en Israel após as eleccións parlamentares de 2013 é complexa. A fragmentación do arco político imposibilitou ao Likud de Netanyahu gobernar en solitario forzando unha coligazón que integra a moderados --como os ministros de Finanzas e Xustiza-- e ultraortodoxos. Nas posicións enfrontadas destes sectores reside a febleza dun goberno ao que @s analistas polític@s agoiran un final anticipado. 

Neste senso, algunhas voces mesmo apuntan á convocatoria de eleccións na segunda metade de 2015, embora Benjamin Netanyahu procura calmar os ánimos afirmando que "o último que necesitamos agora son eleccións". Sexa como for, os inquéritos sitúan o partido do ministro de Economía, Naftali Bennet, entre as forzas en crecente popularidade. 
 

Máis de mil novas casas nas colonias

O partido, Fogar xudeu, preséntase como un claro defensor da colonización de Cisxordania e a el diríxense as últimas propostas lexislativas anunciadas polo presidente israelita. Netanyahu avanzou que construirá máis de mil novas casas destinadas a ampliar as colonias de Xerusalén Leste ás que se sumará un plan de infraestruturas --estradas na súa maioría-- para mellorar os accesos a estes asentamentos declarados ilegais polo dereito internacional. Na actualidade, viven máis de 300 mil colon@s, nos territorios ocupados, a maior parte en Xerusalén Oriental. 

Benjamin Netanyahu anunciou a construción de máis de mil novas casas para colonos, un aceno ao seu socio de goberno, Fogar Xudeu

A imprensa local sitúa estas propostas nun intento por compracer a Fogar xudeu --a segunda forza máis importante no actual executivo-- e principal fonte de votos para o Likud. Porén, desde as organizacións moderadas --Yesh Atid e Hatnuá-- as decisións de Netanyahu supoñen o inicio dunha "grande crise" diplomática para un Estado de Israel cada vez máis illado. 

Netanyahu "está bombardeando os intereses diplomáticos de Israel por uns cantos meses máis na cadeira", sinalaron desde o Partido Laborista. Neste senso, ningún dos seus aliados tradicionais (EUA-UE) ve con bos ollos a ampliación das colonias e mesmo a ONU advertiu que supoñen "unha violación da lexislación internacional e dos dereitos humanos". 
 

Prohíben @s palestinian@s coller o autobús

Así as cousas, o goberno sionista non recúa e mesmo está a incrementar a súa belixerancia. Neste senso, o 26 de outubro emitiu un comunicado através do ministro de Defensa, Moshe Yaalon, polo que se daba a coñecer a aprobación dunha directiva que prohíbe @s operari@s palestin@s usar os autocarros urbanos israelitas en Cisxordania.

A medida obrigará @s traballador@s a se desprazaren até o paso de Eyal a pé ou noutro medio de transporte, mais non en autocarro. Na actualidade, @s palestinian@s teñen prohibido durmir no centro da cidade véndose obrigad@s a se desprazaren diariamente até Cisxordania após cruzar múltiples check-points israelitas. 

Comentarios