O buque humanitario ‘Ocean Viking’, de Médicos Sen Fronteiras e SOS Mediterranée, navega xa polo Mediterráneo con 151 migrantes recatadas das augas.
Este sábado 25 de xaneiro, a ONG Médicos Sen Fronteiras informaba en Twitter que viña de rescatar un total de 59 persoas que localizaron a bordo dunha balsa “precaria” a unhas 26 millas de distancia da costa de Libia, un pais castigado polos conflitos armados e a vulneración dos dereitos humanos dunha maneira xeralizada desde a agresión imperialista que arrasou Libia en marzo de 2011.
Este rescate de hoxe produciuse após na sexta feira o ‘Ocean Viking’ tamén ter salvado 92 persoas migrantes que, a unhas 30 millas náuticas de Libia, se atopaban afectadas por hipotermia e mareos.
Destas persoas, 22 teñen menos de 18 anos mentres que 10 están por baixo dos 15 anos e hai un bebé de 6 meses. Cinco mulleres embarazadas tamén foron salvadas.