Occidente e a "ameaza pantasma" rusa

O portavoz do Goberno ruso, Dimitri Peskov, responsabilizou Occidente da tensión que se vive no leste de Europa e salientou que utiliza "unha ameaza pantasma" para fornecer de armas a Ucraína. Porén, EUA e a OTAN insisten nesta hipótese.  
EuropaPress_4216935_serviceman_of_the_peoples_militia_of_the_luhansk_peoples_republic_lpr
photo_camera Un membro do Exército Popular da República de Luhansk fai garda nunha trincheira fronte ás tropas ucraínas, esta terza feira (Foto: Sergey Averin / Europa Press)

"Co pano de fondo dunha ameaza artificial e pantasma que supostamente emana de Rusia, os países occidentais continúan a asolagar Ucraína de armas, proporcionando os seus asesores militares e, en xeral, consentindo as provocacións de Ucraína en lugar de facer que executen os acordos de Minsk, aprobados polo Consello de Seguridade da ONU", denunciou Peskov, segundo recolle a axencia estatal rusa TASS.

Ao seu xuízo, "iso significa que as crianzas, as persoas anciás e as mulleres continuarán a morrer no leste de Ucraína", xa que "o Goberno de Kiev está a librar unha guerra sen previo aviso contra eles desde hai moitos anos".

Tamén o ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, fixo referencia onte á situación de presión que a OTAN está a exercer sobre a zona coa súa continua expansión das últimas décadas até acurralar Rusia, rodeada xa por bases militares occidentais. 

"En caso de non haber unha resposta construtiva, de Occidente continuar co rumbo agresivo, entón [...] Moscova tomará as medidas de resposta necesarias", declarou, e engadiu que "en calquera caso, a seguridade de Rusia e da súa cidadanía é unha prioridade, e será garantida baixo calquera circunstancia".

Porén, o portavoz do Departamento de Estado dos EUA, Ned Price, teimou onte en sinalar que "se calquera forza rusa se despraza a través da fronteira ucraína, se hai unha nova invasión, [Rusia] atoparase cunha resposta rápida, severa e unida non só dos EUA, senón tamén dos nosos aliados e socios". Ademais, o presidente estadounidense, Joe Biden, ameazou onte con impor sancións "persoalmente" contra o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, en caso de invasión de Ucraína.

O pasado 17 de decembro, o ministerio de Exteriores ruso publicou o esbozo de acordo sobre garantías de seguridade cos EUA e coa OTAN, que implicaba a non expansión desta cara ao leste, o rexeitamento á entrada de Ucraína na alianza militar e restricións ao despregue de armas ofensivas letais, incluídas as nucleares. 

Lea polo avión derrubado en 2014

O representante de Rusia ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), Mikhail Vinogradov, pediu onte á corte que desestime a demanda presentada polo Goberno de Países Baixos en relación do derrubamento do voo MH17 por considerar que inclúe "probas falsas" e "terxiversación dos feitos". O TEDH estuda actualmente se tramitar ou non esta demanda presentada contra o Goberno ruso en 2020 en relación co voo, que foi derrubado por un mísil en 2014 cando sobrevoaba o leste de Ucraína, informou a axencia estatal rusa Sputnik.

O 17 de xullo de 2014, o voo MH17 da compañía Malaysia Airlines, que se dirixía de Amsterdam a Kuala Lumpur, foi alcanzado por un mísil cando sobrevoaba esta zona convulsionada polos enfrontamentos entre as tropas ucraínas e as milicias separatistas prorrusas. Un grupo de investigadores encabezado por Países Baixos concluíu que o avión fora derrubado por un sistema de mísiles antiaéreos trasladado desde Rusia. Porén, Moscova sempre negou calquera responsabilidade neste suceso e culpou en cambio o Goberno de Kiev.

Comentarios