VISITA HISTóRICA

Obama visita Cuba co levantamento do bloqueo como principal reivindicación cubana

Visita histórica en Cuba. O presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, chega a Cuba cando se cumpriron vinte anos da Lei Helms Burton, que endureceu o bloqueo económico e financeiro imposto polos EUA a Cuba.

[Imaxe: @lesleyclark]
photo_camera [Imaxe: @lesleyclark]

Cuba está xa preparada para a visita de Barack Obama, que chegará na tarde do domingo (hora local). Trátase da primeira vez en case 90 anos que un mandatario estadounidense visita a illa. A súa chegada enmárcase no proceso de achegamento iniciado polos mandatarios de ambos os países o 17 de decembro de 2014, cando Obama recoñeceu o fracaso da política dos EUA contra Cuba.

A política de achegamento entre ambos os países implicou, polo de agora, que os EUA eliminaran Cuba da lista de países terroristas e a autorización do dólar nas transaccións cubanas e o restabelecemento das relacións diplomáticas, aínda que a principal traba, o bloqueo -endurecido en 1996 logo de que John F. Kennedy lle impuxera un embargo total a Cuba en 1962- segue vixente.

En sete anos de Goberno Obama, os EUA impuxeron 49 multas por máis de 14.000 millóns de euros

O bloqueo, proclamado co nome de Lei de Liberdade e Solidariedade Democrática con Cuba, só pode ser derrogado polo Congreso. Esta normativa implica duras sancións contra os países que traten de emprender relacións comerciais con Cuba. De feito, tan só nos sete anos de Goberno Obama, os EUA impuxeron 49 multas por máis de 14.000 millóns de dólares a países e institucións que colaboraron co país que preside Raúl Castro.

Amais de solicitar o levantamento do bloqueo, o Goberno cubano esixe a desocupación da base naval ilegal que os EUA manteñen en Guantánamo. Tamén solicita que se compense o pobo cubano polos danos humanos e económicos provocados polos EUA.

Comentarios