Obama solicita ao Congreso que erga o bloqueo contra Cuba

Asegurouno na súa intervención desde o Gran Teatro da Habana, antigo Centro galego na illa.

Obama_Granma
photo_camera Obama durante o mitin [Imaxe Granma]

"Solicitei ao Congreso dos EUA que erga o embargo, é unha carga obsoleta sobre o pobo cubano". Así se expresou Barack Obama durante o mitín que tivo lugar no Gran Teatro da Habana esta terza feira (22 de marzo). 

"EUA e Cuba son dous irmáns que estiveron separados moitos anos"

"EUA e Cuba son dous irmáns que estiveron separados moitos anos", afirmou o mandatario estadounidense na súa histórica intervención. Após 88 anos da última ocasión en que un líder estadounidense, Calvin Coolidge, pisara chan cubano Obama reclamou "cambios" na illa mais tamén asegurou que solicitara o levantamento do bloqueo ao Congreso e que "os EUA non teñen nen a capacidade nen a intención" de os promover. 

A súa decisión causou unha forte ovación entre o público asistente no que se atopaban tamén lexisladores ianquis. 

Barack Obama defendeu que "o futuro de Cuba ten que estar en mans do pobo cubano", un día despois de que o presidente cubano, Raúl Castro, reclamara nunha comparecencia de imprensa o fin do bloqueo e a desocupación de Guantánamo. 

"É hora de nos esquecer do pasado e ollarmos o futuro"

"É hora de nos esquecer do pasado e ollarmos o futuro", defendeu Obama quen rematou cun "sí, é posíbel". 

A piques de rematar a que será a súa última lexislatura e sen posibilidade de recuncar no posto --cando menos non de maneira continuada-- o presidente dos EUA asegurou que a súa visita á illa caribeña ten por obxectivo "soterrar o conflito" e "recoñecer a verdade". Isto é, que [o bloqueo] "só afectaba ao pobo cubano e non ao goberno" polo que, dixo, "pensamos en non ter medo ao cambio senón procuralo". 

Comentarios