Barack Obama, a febleza do cambio

A política interior e exterior desenvolvida polo presidente demócrata durante os últimos catro anos distou moito da proclamada nos discursos de campaña. As súas capacidades oratorias, que o achegan en carisma aos pastores protestantes afincados en moitas comunidades estadounidenses, fixeron de Obama un verdadeiro produto político á altura de 2008. No entanto, a maior parte das súas promesas electorais ficaron incumprindas e a súa xestión mantivo moitos dos trazos da anterior lexislatura presidida por George W. Bush. Após o seu trunfo electoral nas eleccións de 2012, haberá que agardar o decorrer desta nova etapa nos EUA.
Obama
photo_camera Obama

Por segunda vez na historia dos EUA, un presidente demócrata conseguía ser re-elixido nas eleccións presidencias. Após Bill Clinton, Brarak Obama saiu gañador nunha carreira cara a Casa Branca que toda a prensa, nacional e internacional, aseguraba que estaba moi axustada. Fronte a el, Mitt Romney, republicano, gobernador de Massachusettes e mormón.

Apoiado pola maioría dos Estados claves e a comunidade latina --que finalmente tivo unha importante relevancia nos comicios-- Obama encara o seu segundo mandato coa economía interna en plena crise e unha política exterior que pode traerlle máis dun quebradeiro de cabeza. Após catro anos na presidencia dos EUA, o recén re-eleito presidente norteamericano terá que pór en marcha agora moitas das propostas que centraron o seu discurso electoral --como a reforma da lei de inmigración, porén, na súa primeira lexislatura o que se presentaba non só como unha alternancia de goberno senón coma un verdadeiro cambio, deixou moitas luces e sombras na súa administración. 

Do rompedor Yes, we can! ao sucinto Forward

The change will come to the United States of America! (o cambio chegou aos Estados Unidos) aseveraba no seu discurso o recén eleito presidente dos EUA na altura de 2008, cando por vez primeira, un afro-americano sentaba na cadeira presidencial da Casa Branca. No entanto, o cambio anunciado non se faría notar nos catro anos seguintes.

Nin a política económica nin a exterior sufrirían grandes cambios. Neste senso, pouco antes do estourido do crack de 2008, o daquela candidato demócrata acusaba a un dos maiores grupos de presión, Wall Street, da súa "avaricia" e da necesidade de aumentar a regulación financeira en aras do cambio que el propio representaba. "A era da avaricia e da irresponsabilidade en Wall Street e en Washington levounos a unha crise financeira tan seria coma as peores desde a Gran Depresión", aseveraba o 29 de setembro de 2008 Obama nun mitin de campaña. Pouco despois da súa chegada á Casa Branca afirmaba que desenvolvería un "regulador de risco" e un cambio na "cultura de Wall Street". Porén, as medidas que finalmente foron implementadas en 2010, foron moito máis débiles do anunciado.

A reforma regulatoria de Obama ficou en nada, en grande medida por tratarse, ao igual que os seus antecesores, dun goberno controlado polas grandes entidades financeiras e grupos de investimento. Neste senso, o seu secretario do Tesouro, Timothy Geithner, presidira a Reserva Federal de Nova Iorque xogara un papel importante durante a crise a favor das axencias de calificación e os grandes investidores, aliás, engadía á súa chegada á equipa de Obama, "eu nunca fun un regulador". O pretenso transformador de Obama, sinalado como un espellismo por boa parte da esquerda mundial, tamén se moderou na súas consignas, pasando do rompedor Yes, we can! (Si, podemos!) que serviu de lema en 2008 ao sucinto Fordward (Para adiante) desta volta. 

Aliás, o anunciado Medicare --unha das principais consignas durante a campaña de 2008 que prometía o estabelecemento dun seguro médico para toda a cidadanía-- non fixo máis que abrir novos nichos ao mercado da saúde nos EUA, controlado en esencia por grupos monopólicos. Así o demostra a recente compra da American Group, unha das principais aseguradoras do país, polo xigante WellPoint. Asemade, a administración Obama, continuou recortando os flebles servizos básicos destinados ás persoas máis empobrecidas do país e ás clases traballadoras estadounidenses. 

Do Iraq á Libia

Ao igual que coa política interior, en que as promesas de Obama na campaña se viran frustradas á súa chegada á Casa Branca, a política exterior mantivo moitos trazos da desenvolvida polo ex-presidente republicano George W. Bush. Malia que pouco despois do seu trunfo, Obama aseguraba que as tropas estadounidenses abandonarían progresivamente os principais conflitos en Afganistán e o Iraq, o presidente Obama iniciaría novos conflitos e tomaria parte do ataque contra a poboación libia co amparo, de facto e por inoperancia, das Nacións Unidas. Avións non tripulados procedentes da NATO --organización militar internacional creada polos EUA durante a Guerra Fría-- bombardearía durante días Trípoli --malia que oficialmente a resolución da ONU simplemente estabelecía  unha "zona de exclusión aérea"-- que lle custaría a vida a numeros@s civís.

Aliás, Obama remataría cun dos obxectivos do anterior presidente Bush, acometendo un asasinato extra-xudicial contra Osama Bin Laden que, de se chegar a producir realmente pois nunca se deu a coñecer o seu cadáver, suporía unha grave violación do ordenamento xurídico estadounidense e internacional, en que fican tallantemente prohibidas as execucións sen xuízo.

O mantemento das relacións con Israel negando o dereito á libre determinación do pobo palestino, o apoio ao golpismo en Honduras e Paraguai continuando coa estratexia intervencionista en América do Sur; o mantemento do bloqueo económico, comercial e financeiro contra Cuba a máis da base militar de Guantánamo --que inicialmente prometera fechar-- dan boa conta do continuísmo da política exterior estadounidense. 

Catro anos para o cambio

Esta madrugada, durante o seu discurso da vitoria, Barack Obama aseveraba máis unha vez For the United States, the best is yet to come (Para os Estados Unidos, o mellor está por vir), após saír vitorioso da batalla electoral contra Romney. A redución da taxa de desemprego en outubro, un crecemento económico superior ao agardado e a xestión das consecuencias derivadas do furacán Sandy, axudaron ao demócrata a renovar máis unha lexislatura a súa estancia na Casa Branca, malia que a política ao longo dos últimos catro anos desinflara a figura dun candidato que se presentaba como un verdadeiro cambio de rumbo para os EUA.

Haberá que agardar ao decorrer dos acontecementos para coñecer cal será o devir políico nesta nova etapa que se abre para @s estadounidenses.

Comentarios