TENSIÓN NA UCRAÍNA

Obama non desbota armar a Kiev, mentres Merkel insiste en que non hai solución militar ao conflito

Nas vésperas da cimeira de Minsk -con Ucraína, Rusia, Alemaña e Franza sentados arredor dunha mesa-, as hostilidades recrúan nun conflito que xa se leva saldado con máis de 5.300 vítimas mortais, segundo estimacións da ONU.

Ucraína

En aparencia Occidente enfronta con dúas estratexias distintas a crise da Ucraína, producida após o golpe de Estado que desprazou do poder de Kiev o goberno lexítimo de Viktor Yanukovich. Washington manexa a hipótese de armar a Kiev, mentres que Alemaña -por boca de Angela Merkel- defende unha abordaxe diplomática do conflito.

As contradicións entre o poder imperial estadounidense e o Goberno alemán, a potencia dominante na UE, visualizáronse esta segunda feira, na cimeira que Obama e Merkel protagonizaron en Washington. No encontro coa imprensa, aberto a perguntas, Obama dixo non desbotar a hipótese de "enviar armas" a Kiev -embora fose como última opción, se fallar a vía diplomática-, mentres a chanceler alemá mostrou a súa convición de que non hai unha solución militar ao conflito.

Os EUA son os que máis terian de gañar no caso dunha expansión da OTAN perto das fronteiras con Rusia e nese sentido apostan claramente no cenario dunha vitoria de Kiev face as autoproclamadas repúblicas populares de Donetsk e Lugansk, territorios que non recoñecen a lexitimidade do goberno golpista de Kiev e que manteñen unha relación fluída con Moscova.

As forzas populares de Donetsk e Lugansk están a desequilibrar ao seu favor os confrontos armados co Exército regular de Kiev, embora teñan fracasado até o de agora na súa tentativa de conquista do enclave estratéxico de Mariupol

Berlín vería o asunto con máis pragmatismo, entre outras cousas porque, de se ir a unha solución militar, o seu protagonismo na zona diminuiría considerabelmente. A chanceler tampouco vería con bos ollos que Ucraína se acabase tornando nunha sorte de protectorado norteamericano no leste de Europa.

Austria, Reino Unido e o Estado español teríanse aliñado nas últimas horas con Berlín, mentres que Polonia e Lituania apoiarían o envío de material bélico caso de Obama se inclinar finalmente por esta vía.

Nas últimas semanas, as forzas anti-golpistas están a desequilibrar ao seu favor os confrontos armados co Exército regular de Kiev, embora teñan fracasado até o de agora na súa tentativa de conquista do enclave estratéxico de Mariupol, unha cidade situada na costa do Mar de Azov que tornaria máis doada a conexión por terra entre a península de Crimea e Rusia.

Golpe de Estado apoiado por Occidente

Os falcóns de Washington pensan que máis tarde ou máis cedo Mariupol podería caer en mans das forzas anti-golpistas de non subministraren armamento a Kiev.

A crise na Ucraína estourou en marzo de 2014 cando un golpe de Estado apoiado por Occidente desprazou do poder a Viktor Yanukovich após este se negar a asinar un Acordo de Asociación coa UE que consideraba lesivo para o seu país.

O golpe levou á formación dun goberno composto polo bloco político pro-UE con incrustacións de forzas políticas neonazis con responsabilidades chave nos aparatos de seguridade do Estado.

Este goberno nunca foi visto como lexítimo polo leste do país. A súa formación precipitou a decisión de Crimea de se unir á Federación Rusa e a constitución de gobernos populares en Donetsk e Lugansk.

Tempo da diplomacia

O tempo da diplomacia probabelmente teña a súa última baza esta cuarta feira en Minsk, capital de Bielorrusia, na cimeira que irán realizar representantes de Ucraína, Alemaña, Franza e Rusia. Como se ve, a UE como tal non existe nesta crise e si o eixo París-Berlín, o verdadeiro poder na Unión.

Comentarios