Obama lexitima os ataques de Israel e ofrécese de mediador no conflito

O presidente dos EUA asegura que o Estado de Israel ten "dereito á lexítima defensa" e proponse para encetar unha mesa de negociación entre Palestina e Tel Aviv.

Mapa de Palestina (1946-2000)
photo_camera Mapa de Palestina (1946-2000)

Cada vez que os Estados Unidos sentaron como medidadores no conflito entre Israel e Palestina, os gobernos sionistas ocuparon maiores cotas de territorio e edificaron maiores urbanizacións de colonos. Se ollamos o mapa desde 1948 até a actualidade, Palestina fica reducida a pequenos espazos de terreo inconexos e a construción do 'muro da vergoña' --como se coñece popularmente-- torna na práctica inviábel o soño dunha Palestina libre. 

Todas as administracións estadounidenses apoiaron desde a súa fundación a existencia do Estado de Israel e converteron este territorio no seu principal aliado militar na rexión. 

Os EUA defenderon sempre o "dereito á lexítima defensa" de Israel perante os mísis lanzados polas brigadas armadas afincadas na Faixa de Gaza. Máis unha vez, o presidente dos Estados Unidos, Barak Obama, apelou a este dereito para lexitimar a ofensiva militar iniciada por Tel Aviv baixo o nome de 'Bordo Protector'. Aliás, reiterou a súa "rotunda condena" aos foguetes procedentes de Palestina ao tempo que se propuxo como mediador para resolver o conflito e procurar un cesamento ao fogo. 

Obama chama a protexer as vidas civís mais apela ao "dereito á lexítima defensa" de Israel

"Protexer a vidas dos civís e restaurar a calma" perante unha nova "escalada de violencia". Nestes termos pronunciouse o presidente Obama no seu encontro con Benjamin Netanyahu, após xustificar os bombardeaentos aéreos israelís que deixan xa máis dun cento de persoas mortas en Gaza e ningunha en Israel. 

"Nada nos impide avanzar", di Israel

Porén, malia as declaracións de Obama desde o goberno israelí advirten estaren preparad@s para "facer o necesario" e "alcanzar o obxectivo". Isto é, "destruír toda a infraestrutura de Hamas", dixo o primeiro ministro israelí. 

En Tel Aviv non teñen intención de frear a operación militar e mesmo están a prepararse para unha intervención terrestre. "Nada nos impide avanzar", dixo o xefe de Estado Maior Benny Gantz, quen esclareceu que único que agardan as tropas é "a instrución política" para iniciar a ocupación militar por terra. "Temos que atacar e intensificaremos os ataques", avanzou. 

Pola súa banda, a Autoridade Nacional Palestina mesmo tomou contacto coa administración estadounidense, no concreto co secretario de Estado dos EUA, John Kerry, para demandar a súa intervención e exixir un alto ao fogo. Até o momento, non semella que isto vaia acontecer. 

Comentarios